O Laracha está a 90 minutos de regresar a Terceira División, pero debe derrotar ao Xallas en casa

José Manuel Ferreiro Negreira
JOSÉ M. FERREIRO CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

CEDIDA

O conxunto de Chollas pode regresar á categoría na que militou na campaña 2014-2015

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Laracha está a 90 minutos do seu regreso a Terceira División, categoría na que militou na tempada 2014-2015 e na que estivo durante cinco campañas no seu historial deportivo (comezou a competir na campaña 1965-1966). Para conseguir o obxectivo, os xogadores laracheses, baixo a dirección de Chollas, deben gañar ao Xallas en encontro que hoxe comezará ás 18.00 horas no campo municipal larachés. A colexiada é Elena Casal Fernández, de Vigo.

O preparador larachés Chollas terá as baixas de Asier e Hugo, polo que xogará con Álex López; Héctor, Beto, Antonio, Pablo Domínguez ou Iván; Alexandre, Rebollo, Michi, Iván Patiño ou Souto; José Suízo e Miguel Taibo. Para cambios Dani Bea, Robert e Jano (meta).

«O máis importante -comenta o preparador larachés- é non padecer esa inquedanza que tivemos nos últimos encontros e que se notou no transcurso dos partidos». Por iso, o traballo dos últimos días foi máis psicolóxico.

O que busca Chollas é tranquilidade: «Levamos un gran refacho nos últimos doce partidos, gañamos once e só perdemos un e somos o mellor equipo da segunda volta na Rexional Preferente. Iso tennos que dar a suficiente tranquilidade para afrontar o partido. Ademais levamos cinco choques sen encaixar un tanto e o equipo ve porta ben», pero non quere esquecerse de que «o Xallas sempre é un equipo complicado e non virá pasearse a Laracha. Está claro -engade- que debemos ser o equipo que vimos demostrando para conseguir o triunfo».

Desde a chegada de Chollas ao Laracha o conxunto conseguiu trece vitorias e perdeu en tres ocasiones (Polvoreira, Noia e Sofán), polo que está a callar unha segunda parte espectacular. Eses números explican que cando Chollas asumiu a dirección do equipo ocupase a quinta praza na táboa, e agora superou neste tramo de competición ao Paiosaco, á Polvoreira e ao Estudantil.

O Laracha ademais está a se mostrar moi forte no seu campo e hoxe non vai ser unha excepción. «O equipo está moi mentalizado e sabemos o que temos que facer. Levamos cincuenta sesións de adestramentos desde a miña chegada e o equipo está nun bo momento para seguir rendendo a un alto nivel, como o estamos facendo neste tramo final da tempada».

A esta última xornada da tempada chega cun Noia líder e que xa conseguiu fai moitas xornadas o ascenso. Pola outra praza loita o Laracha, único equipo que depende de si mesmo para ascender.

O outro conxunto que ten posibilidades é o Estudantil, que ten un punto menos na clasificación. O conxunto pontevedrés de Vila de Cruces xogará no seu campo, ás 18.00 horas, ante o Viveiro.

Está claro que os anfitrións deberán gañar e despois agardar un tropezo do Laracha para ascender, en caso contrario seguirá na terceira praza da clasificación. Ante esta situación, o Laracha agarda hoxe o amparo dos seus seguidores.

Outros partidos da xornada

Os outros tres equipos da zona da Rexional Preferente terán os seguintes partidos:

O Sofán-Noia, ás 18.00 horas no Carral. Pita Adrián López, do Colexio de Lugo.

O Soneira-Arzúa, ás 18.00 horas no campo As Cabreiras de Vimianzo. O árbitro é Renny Mazaira (Ourense).

Finalmente, o Paiosaco visita ao Galicia de Mugardos, ás 18.00 horas no campo A Pedreira. O árbitro é Xaime Sogade, de Pontevedra.