O emprego industrial na zona leva un cuarto de século de caída en picado

t. longueira / j. lado. / s. g. rial CARBALLO, CEE / LA VOZ

A Laracha

josé Manuel Casal

Destruíronse centos de postos de traballo sen alternativas que os compensen

22 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A tendencia empezou xa moito antes, primeiro co declive dos salgaduras ou da actividade carboeira en Corcubión e logo co peche da baleeira de Caneliñas. Con todo, foi neste último cuarto de século cando as reconversións, distintas decisións empresariais e o ritmo propio dos mercados non deixaron de asestarlle puñaladas ao emprego industrial da Costa da Morte, sen que os sectores emerxentes teñan capacidade para restituír estes postos en cantidade e calidade. Salvo casos contados como o Grupo Calvo ou Industrias Cerdeimar, Sogama as firmas capaces de empregar por centos de persoas xuntas na comarca brillan pola súa ausencia.

Aínda que hoxe custe sequera imaxinalo, Camelle chegou a ser un punto de referencia en canto a despezamento de barcos, do mesmo xeito que a ribeira de Cabana no relativo á súa construción e os estaleiros Sicar funcionaron ata o 2008. Incluso a naviera do grupo mantivo a súa sede en Cee ata o 2010. Cando Villar Mir comprou Carburos Metálicos no 92 as factorías empregaban a 404 traballadores -foran bastantes máis- e agora, directos, son 284, dentro dun grupo que debe 350 millóns de euros e con perspectivas de despedimentos se non hai plan industrial.

Celsa Atlantic chegou a ter en persoal máis de 250 empregados. Pero a crise económica afectou na conta de resultados. Os números vermellos superaron, segundo a compaña, os 50 millóns de euros (a 30 de setembro do 2012) e produciuse unha perda de competitividade en mercados estratéxicos como Chile, debido á depreciación do dólar e ao exceso de produción en relación aos prezos de venda en Alxeria, principal referente da compaña. Ata catro ERE temporais noutros tantos anos, con ameaza de peche incluída. Ao final, a planta de Lendo, A Laracha, ten en nómina uns 150 postos de traballo tras a última reestruturación levada a cabo (de forma pactada cos sindicatos) a mediados o 2014.

Mentres a espada de Damocles pende de novo sobre a central térmica de Meirama. A cúpula de Gas Natural Fenosa continúa sen confirmar se acometerá un plan de traballo, valorado nuns 120 millóns de euros, para modernizar as instalacións e adecuar o nivel de emisións de gases á atmosfera ao que esixe a Unión Europea. De non ser así, a vida útil da central tería data de caducidade: o 2023.

O presidente do comité de empresa, Manuel Veiga (UGT), mostrouse cauto onte ante estas dúbidas expostas desde a dirección. Asegurou que a planta cercedense «é viable» polos baixos custos de produción de enerxía en comparación con aquelas factorías que empregan carbón nacional e pediu prudencia porque «a empresa ten ata mediados de 2018 para decidir que vai facer». Manuel Veiga achegou algo de luz sobre esta cuestión ao dicir que Fenosa acaba de investir «uns cinco millóns de euros» en acometer un arranxo integral na central de Meirama. Estas actuacións arrincaron o 1 de abril e concluirán antes do 11 de maio. «Contrataron unhas corenta empresas, que suman máis de 300 operarios. Se a compañía decidira non acometer este investimento nas plantas de desnitrificación e desulfuración non tería lóxica que levara a cabo esta parada técnica para arranxar as turbinas e facer un mantemento integral da planta. Debemos ser prudentes á hora de facer valoracións». De feito, en Meirama pasouse de 97 a 102 empregos fixos nas últimas semanas, aos que hai que engadir outros 40 procedentes de empresas auxiliares. Iso si, moi lonxe dos máis de 400 que chegou a ter nos anos 90.