«Sexa vivo ou morto, eu o que quero é atopar ao meu pai»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

A Laracha

José Manuel Casal

José Lamas Muíño falta da súa casa en Entrecruces desde fai catro meses. A súa filla pide axuda para achar algunha pista

21 abr 2017 . Actualizado ás 19:19 h.

«Sexa vivo ou morto, eu o que quero é atopar ao meu pai», declara María José, a filla de José Lamas Muíño, o carballés da Espanadeira (Entrecruces) que desapareceu da súa casa o 23 de decembro do ano pasado. O domingo cumpriranse catro meses e, a pesar das intensas procuras realizadas nas primeiras semanas, non se sabe nada. Ningunha pista, ningún dato, ningunha declaración de ninguén que puido velo. María José Lamas, acompañada onte da súa nai, Oliva Carracedo López, reclama onte axuda para que as procuras non cesen. «E para quedar tranquilas. Polo menos atopar algo, os restos, uns ósos, o que sexa, para poder levar para o cemiterio e pechar isto, que é unha angustia diaria», declara.

Hipótese

Di que xa non sabe que pensar. Que as hipóteses sobre a súa desaparición son moitas. Mesmo que puideron matalo e levar o cadáver a outro lugar, pois doutro xeito non se entendería que, despois de tantos días buscando por todos os recunchos nun área moi grande ao redor da súa casa, os resultados fosen sempre negativos. «É que non lle vexo outra explicación», asegura. Tamén lamenta que ela non poida facer nada, xa que a súa mobilidade é moi limitada (está nunha cadeira de rodas). Tamén fai un chamamento a calquera veciño que poida saber algo: «Se alguén ten algún dato, se sabe algo, que nolo diga, porque estamos desesperados, é unha situación moi triste», indica María José.

O caso de José Lamas é particularmente rechamante pola absoluta falta de resultados a pesar duns dispositivos de procura amplos, constantes e especializados, que peitearon unha amplísima franxa de terreo. Ademais das frecuentes batidas a cargo dos veciños, participaron numerosos gardas civís (policía xudicial, grupos de montaña, expertos en procura cos seus cans), policías locais de Carballo, Protección Civil, cazadores que coñecen os montes da zona (Alta de Entrecruces) e outros particulares.

Lamas ten, ou tiña, 81 anos. É o cuarto desaparecido na zona en poucos meses. As primeiras tres presentas que se marcharon das súas casas tiveron máis sorte, todas da Laracha, localizadas ás poucas horas de que fose denunciada a súa desaparición.