Pedra á vista, non grazas

Carlos F. Coto

CARBALLO

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Moita xente repica as fachadas de pedra das casas vellas e déixana á vista, perfilándoa con morteiros e botándolle un produto «máxico» de protección. Non é máis que unha moda, unha mala práctica construtiva similar á de quitarnos a pel do corpo e deixar os músculos á vista. Pensan que unha casa tradicional coa pedra pequena á vista é máis cool que o que realmente é tradicional: deixar a cantería que arrodea as portas e xanelas e recubrir o resto con morteiro de cal. Realmente, as fachadas nas que se pode deixar a pedra á vista son as igrexas ou os pazos, que teñen as súas fachadas de cantería.

Pero non é unha cuestión estética, senón construtiva. O morteiro que se introduce entre as pedras é incompatible coas propias pedras, o cemento e a pedra xuntos son divorcio seguro porque teñen distinto coeficiente de dilatación e acaba rompendo un dos dous, normalmente o cemento, e esas fendas son unha vía perfecta de entrada de auga ao interior do muro.

Unha fachada revestida de cal é unha pel que desvía a auga da chuvia, preservando a súa supervivencia. O cal, ademais, absorbe a humidade e expúlsaa cando deixa de chover. O cemento absorbe a auga e mantén o grao de humidade. Moitos construtores teñen moita fe no «produto máxico» que lle botan por fóra, que non dura máis alá de catro anos, e que ademais é un impermeable que favorece a condensación interior e o deterioro progresivo do muro. Os muros de cachotaría -os das casas que non son pazos nin igrexas nin edificios públicos- é para revestir e pintar -de branco, por tradición-. Que non nos enganen, as modas están ben para a roupa.