A humanidade dos sinais

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CARBALLO

26 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando un pasa demasiado tempo consigo mesmo e sobre todo sen grandes estímulos externos ruidosos, os pequenos detalles poden cambiar o rumbo da xornada, a boa ou a mala sensación. Calquera cousa nimia a ollos doutras persoas pode ser un mundo aos ollos de quen o ve. Se un é alleo aos movementos rápidos do mundo de usar e tirar que parece que se vai impondo, poida que sorpréndalle ver a decenas de persoas apiladas sentadas en descansillos de centros comerciais mirando o seu móbil, agardando non se sabe moi ben o que. Talvez todos acabemos sucumbindo. Pode ser. O Camiño, escenario de historias como as de Lalo e Chelo, é un deses lugares que aínda van permanecendo alleos ao mundo low cost, fugaz. Non sempre, porque tamén hai espazos que se van deturpando, buscando máis ao turigrino que ao peregrino. Hai tempo que vén avisando de que a galiña dos ovos de ouro pode un día morrer de tanto comer, e o certo é que descoidos nos sinais, confundindo ao camiñante cando xa vén canso, ben pode acabar repercutindo negativamente no conxunto da prolongación. Por máis que sexan erros, se o son, os rogos de quen a transitan son claros e así o escribían hai uns días nas redes de La Voz: «A indicación debe especificar e cada cal elixir o seu destino. Iso é unha falta de respecto ao camiñante. E cabrea moito porque vas morto de cansazo e non gusta que che tomen o pelo. Porfa, póndeo claro». Nun espazo e unha ruta que tomou a súa alma dos humanos ten que haber iso, humanidade. Talvez, por un ‘erro' nimio, Lalo e Chelo non se atoparon. E sería unha pena.