Feirauto regatea a onda de calor

Antonio Longueira Vidal
T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A feira do automóbil de Baio pechou cunha vintena de vendas

19 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Feirauto gañoulle o pulso á onda de calor que vive a Costa da Morte e o resto de Galicia estes días. E fíxoo cun balance «positivo» de vendas, segundo os cálculos de José Gabín, presidente da Fecom. Ás oito da tarde de onte, dixo, vendéronse 19 coches e quedaban moitas operacións pendentes de concretar ao longo desta próxima semana.

O empresario Julio Lema mostrouse especialmente satisfeito de como había ir a fin de semana: «Tivemos xente os tres días, non nos podemos queixar. Houbo movemento e xente interesada en comprar». No seu caso, a peche da edición, pactara cinco vendas, entre elas, «dous Mercedes , un Mini e un Touran». O prezo medio desembolsado por un comprador, explica, «rolda vos 20.000 euros».

Pola súa banda, José Rial, de Automóbiles Graíño, falou dunha feira irregular en canto a presencia de curiosos e de potenciais compradores: «O sábado non houbo ninguén, parecía que estaban todos nas praias. Hoxe [por onte] houbo feira dominical en Baio e tivemos máis animación. E pola tarde mantívose a afluencia de xente. Polo xeral, podemos dicir que foi un Feirauto bastante bo».

Setembro

Mentres, José Gabín insistía no tirón que ten Feirauto como motor de actividade económica en Baio. «Estamos satisfeitos dos resultados, sobre todo despois dunha fin de semana tan calorosa que convidaba a ir á praia máis ca outra cousa. O importante é que houbo ventas e movemento e que a xente segue interesada en vir a Baio». E engadiu: «Hai que ter en conta que moitas das operacións de venda iniciadas esta fin de semana cerraranse, case seguro, durante a vindeira semana». O presidente da Fecom xa anunciou as datas da 39.ª edición de Feirauto. Será en setembro e todo apunta, salvo cambios de organización, que se celebrará a fin de semana do 15 ao 17.