«Dombate foi importante para Pondal desde ben pequeno»

La Voz

CARBALLO

Jose Manuel Casal

Manuel Ferreiro analizou onte a gran importancia que o megálito tivo na obra do poeta

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A penúltima sesión das xornadas do profesorado do ciclo Dombate Primavera da Poesía fixo honor ao seu nome e centrouse na importancia que o megálito cabanés tivo na obra do Bardo de Bergantiños. Foi un dos maiores expertos na obra pondaliana, Manuel Ferreiro, o encargado de desvelar onte no centro de interpretación do dolmen o alcance e o significado dun influxo que comezou ben cedo: «Dombate -explicou- foi moi importante para o poeta desde que este era ben pequeno, e para el simbolizou ao longo de toda a súa vida un dos restos obxectivos do noso pasado celta, daquilo que nos distinguía como galegos e que fai que Galiza sexa diferente, isto é, unha nación».

A paixón de Pondal por Dombate transcendía por tanto a cuestión estética ou lírica e acabou por facerse extensible a outras construcións similares que sustentaban así a súa crenza firme «no carácter celta de Galicia» e que as convertían «na decoración física de todos aqueles poemas articulados en torno aos galegos, isto é, os celtas, e os romanos, isto é, os non galegos».

Ferreiro lembrou tamén que foi, precisamente, o megálito cabanés, o inspirador da última publicación en vida de Pondal, un «folletiño» no que aparecía o poema O dolmen de Dombate.

Versos de clausura

As xornadas do profesorado concluirán esta tarde cunha sesión de poesía e música. Alberto Pombo e Yolanda Castaño darán voz aos versos do libro do poeta chinés Jidi Majia Rapsodia en negro e Bieito Romero interpretará algúns dos temas de Luar na Lubre que foron inspirados por Dombate.