«Libertas». Instalación e compromiso

EME CARTEA

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

30 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Entre o 26 de setembro e o 2 de outubro de 2016 celébrase en Ourense, por segunda vez en Galicia, o 82 Congreso do PEN Club Internacional, organizado polo PEN galego -presidido por Luís González Tosar, O Che, coordinado e dirixido por Xabier Castro, e ao que asisten máis de 200 escritores de 80 países co lema, Tendendo pontes literarias -coa literatura galega como elo entre o mundo hispánico e a lusofonía- e, como albo, a defensa pechada dos escritores, periodistas e blogueiros que no mundo están a ser afectados por algún tipo de represalia.

No fondo deféndese o dereito de expresión e de vivir en paz e liberdade, pero tamén os dereitos da muller, dos homosexuais, das minorías lingüísticas asediadas..., e todo a través do fortalecemento da identidade cultural, literaria e artística, como transmisora da memoria tanxible e intanxible dos pobos. Porque, en tempos de crise e convulsión, a verdade e a palabra son as primeiras vítimas.

Olegario Sampedro é quen de interpretar exemplar e emotivamente a filosofía plural do PEN, aberta, sen distincións de clase, raza, relixión, nacionalidade, cor ou xénero, promotora da amizade, da cooperación intelectual e do respecto, alerta perante as institucións imperativas, e a favor dos dereitos humanos, onde e cando quixer.

Acosada realidade

En Libertas, Olegario Sampedro -factotum da mesma, profesor do IES nº 1, doutor, psicólogo, fotógrafo e presidente do Instituto de Mediación Educativa (IMER) de Ribeira-, simboliza esta acosada realidade en sete nomes senlleiros: García Lorca, Méndez Ferrín, Orhan Pamuk, Jude Dibia, Susana Chávez, Ángel Cuadra e Liu Xiaobo, e con textos alusivos a cada un deles a cargo de Jennifer Clement, Margarita Ledo Andión, Laura García Lorca, Inma López Silva, Bieito Iglesias, Manuel Rivas, Manuel Cartea e Paco Lobatón.

A montaxe artística desta presentación -que puidemos ver pouco hai no Lustres Rivas de Ribeira e no Alberto Sampaio de Guimarâes-, na que intervén moita xente, e a maioría de Ribeira, é unha sorte de performance conceptual e simbólica, primorosamente interpretada, que conta con sete intervencións fotográficas inspiradas en cada un dos sete homenaxeados, coas súas «semblanzas» en galego, castelán, francés e inglés que dan honra, reparación e visibilidade a estes autores inxustamente perseguidos.

Unidade didáctica

E á parte do seu carácter artístico e literario, conta cunha unidade didáctica interdisciplinar realizada no seo do IMER sobre dereitos humanos que está a ser aproveitada nas aulas de varios centros de secundaria da comarca, amais das visitas guiadas á exposición e dun concurso fotográfico co lema Interpreta co teu móbil un libro censurado.

Todo un evento que fala moito e ben do seu polifacético artífice e do seu compromiso coa beleza e a verdade. Porque, nel, a cultura non é un poder inmediato senón participativo. Un «artefacto», pois, cheo de sensibilidade e eficacia estética.