Rianxo e Ribeira loitarán contra as dificultades para triunfar en Sestao

RIANXO

cedida

Os clubs barbanceses participarán hoxe e mañá no Campionato de España de Bateis achegando embarcacións en diferentes categorías

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os clubs de remo de Rianxo e de Ribeira comezan hoxe o asalto ao Campionato de España de Bateis, que se celebrará ata mañá en Sestao (País Vasco). Os rianxeiros terán representación nas categorías de infantil e xuvenil masculino, mentres que os ribeirenses competirán en xuvenil e absoluto feminino.

As aspiracións de ambas as entidades son altas, aínda que tamén son prudentes, xa que estarán marcadas polas condicións nas cales se disputen as series. En Rianxo, o presidente do club de remo, Ramón Vicente, asegura: «Sempre lle digo aos rapaces que hai que lograr o mellor posto posible. Nós non vamos a viaxar ata Sestao para ir de paseo, aínda que sabemos que o teremos complicado».

Os equipos rianxeiros de categoría infantil e xuvenil realizaron un bo papel no campionato galego, celebrado a pasada fin de semana, aínda que «non chegaron a liderar a proba. O infantil estivo preto», apunta Ramón Vicente. O importante para o presidente do Club Remo Rianxo é que «os rapaces o dean todo e gocen da experiencia, aínda que pode que saiamos a competir en desvantaxe».

No caso dos ribeirenses, as mozas de categoría xuvenil e absoluta van dispostas a pelexar por todo, pero o responsable do club, Jesús Silva, lanza un aviso aos seus deportistas: «Alí pode pasar de todo».

Mareas vivas, un problema

Silva non dubida da capacidade das súas remeiras, pero desconfía das condicións que se van atopar no País Vasco: «A predición di que haberá mareas vivas e mal tempo, polo que te xogas todo no sorteo das calles. Podes levar unhas expectativas moi altas e o sábado bater contra un muro». En opinión de Jesús Silva, «todo se vai decidir no sorteo das boias. Alí, con mareas vivas as correntes teñen máis forza e da calle unha á cinco pode haber unha diferenza de 15 a 20 segundos nunha regata de catro largos. Está claro que iso marcará».

A pesar dos condicionantes, o Club Remo Náutico Ribeira sairá a por todas. O equipo absoluto feminino chega coa moral alta despois de proclamarse campión do torneo galego a pasada fin de semana. As xuvenís, pola súa banda, foron terceiras na cita autonómica. Silva asegura que as deportistas «están moi contentas e teñen moitas gañas de demostrar o seu nivel. Principalmente as xuvenís, que no galego, entre os nervios e a falta de ritmo, non brillaron o que desexarían».