O executivo de Porto do Son xestiona o traspaso dos tres centros de saúde do municipio á rede do Sergas

noia

PORTO DO SON

Se a Administración autonómica finalmente faise cargo dos centros asistenciais, o Concello aforrarase, de entrada, os 60.000 euros ao ano

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai varios anos que diversos concellos da comarca intentan conseguir que o Sergas se faga cargo dos centros de saúde, cuxo mantemento supón un importante desembolso para as arcas locais. O primeiro en logralo foi o de Boiro, cun traspaso que se formalizou hai xa uns meses, e nesa mesma liña atópase Carnota, xa que a Xunta anunciou que asumirá a competencia no centro que resulta máis custoso (co do Pindo existe un problema con Costas que concierne ao rexistro da propiedade). O sonense Luis Oujo tamén confía en que as xestións que realiza co Servizo Galego de Saúde frutifiquen de xeito favorable para o Concello.

De feito, Luis Oujo sinalaba que os trámites parecen avanzar por bo camiño e, mesmo, móstrase optimista coa posibilidade de que poidan traspasarse os tres ambulatorios con que conta o municipio, en Xuño, Portosín e a vila sonense, de forma simultánea, tras a última reunión mantida co titular da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a quen trasladou directamente esta petición.

Se a Administración autonómica finalmente faise cargo dos centros asistenciais, o Concello aforrarase, de entrada, os 60.000 euros que anualmente consigna para gastos de funcionamento nos seus orzamentos.

A esta cantidade hai que sumar o diñeiro que de forma periódica ten que desembolsar para realizar reparacións. No arranxo das cubertas ou en traballos de pintado investíronse importantes sumas durante os últimos anos.

Outros que pelexan por iso

Coa vista no traspaso dos seus centros de saúde tamén están os rexedores de Rianxo, que xa salvou o problema burocrático que impedía que o Sergas asuma os gastos do de Taragoña e figura na lista dos municipios que reclaman o cumprimento do pacto local asinado coa Fegamp en materia sanitaria. Xunto a esta solicitude están, así mesmo, as dos centros sanitarios da Pobra e Lousame.