Unha veciña de Porto do Son leva días agardando a que retiren un niño de velutinas da súa vivenda

noia

PORTO DO SON

CARMELA QUEIJEIRO

A propietaria do inmoble explica que foi o domingo cando se decatou da presenza dos insectos e que, desde entón, «non podo abrir unha ventá»

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os equipos de urxencias e agrupacións de Protección Civil están a verse desbordados pola praga de avespas asiáticas, e iso está xerando algúns problemas. É o caso dunha veciña do lugar de Miñortos, no municipio sonense, que leva días agardando a que alguén acuda a retirar un niño de velutinas instalado na cornixa da súa casa.

A propietaria do inmoble explica que foi o domingo cando se decatou da presenza dos insectos e que, desde entón, «non podo abrir unha ventá. Chamei ao 112, ao 062 e ao Concello e nada. Dinme que teñen moitos avisos e que han tardar porque van por orde de lista, pero este está nunha casa, debería ter prioridade». Conta tamén que unha veciña con alerxia foi hospitalizada pola picadura dunha avespa asiática.