Un científico que asuca os mares da eficiencia

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

CEDIDA

O sonense forma parte do equipo científico dun instituto alemán que persegue unha pesca máis selectiva

23 abr 2017 . Actualizado ás 09:40 h.

«Cando na túa profesión vexas algo que che guste, vai a por elo. Aprende e pono en práctica». Esta frase, que o biólogo Juan Santos (Porto do Son, 1977), leu fai moitos anos, cando traballaba facendo mostraxes de pesca nun palangreiro de superficie que faenaba no Índico, converteuse nunha máxima que cumpre a machada. Cando concluíu os seus estudos de Bioloxía, tiña claro que «non quería pasarme a vida entre cafés e doutorados». Quería dedicarse á pesca, pero desde un ámbito distinto ao que vivira na súa contorna familiar. O seu obxectivo: «Entrar no campo da tecnoloxía e da ciencia pesqueira».

Trazou o seu rumbo sendo moi novo e nunca escatimou esforzos para chegar aos portos que lle fan sentirse realizado persoal e profesionalmente. A comodidade dun traballo de oficina sen sobresaltos non lle estimula. A Juan Santos gústanlle os retos, como os que afrontan os pescadores que cada día saen a faenar coa incerteza de saber como será a xornada e, mesmo, de se poderán regresar aos seus fogares.

Foi precisamente nesa primeira travesía como tripulante dunha embarcación cando, dedicando ao estudo o tempo libre que quedaba, penetrouse nas investigacións dun profesional que buscaba determinar as probabilidades de que unha determinada especie sexa capturada cunha arte de pesca. Ao lelo soubo que ese sería o seu horizonte: «Decidín centrarme nese campo, que non estaba explorado en Galicia». A súa determinación halle levado a formar parte do equipo dun instituto científico, dependente do ministerio de pesca alemán, que desenvolve actuacións encamiñadas a lograr «que as capturas sexan máis selectivas, evitando deste xeito coller especies que non se desexen».

Os descartes

Traballa na solución a un problema que trae de cabeza á Unión Europea e ao sector: os descartes. El mesmo recoñece que é preciso atopar alternativas ao modelo actual: «Estamos desperdiciando os recursos porque a pesca non é suficientemente selectiva».

Pero acabar desenvolvendo o seu labor científica neste campo tampouco foi unha singradura sinxela para Juan Santos. Primeiro formouse no ámbito da estatística realizando un máster e logo traballou para o Instituto Español de Oceanografía en Vigo. A entón xefa do departamento, Nélida Pérez, viu un día os cálculos que Juan Santos fixera nunha das follas de recollida de datos e interesouse por el: «Apostou por min. Compartía ou meu proxecto e ofreceume realizar campañas de investigación a bordo de barcos». Despois de varios anos traballando de forma temporal, no 2008 logrou unha praza no Instituto Español de Oceanografía que lle proporcionaba estabilidade para realizar o seu proxecto: «No 2010 conseguimos axudas para desenvolver artes de pesca selectiva. Traballamos con Tecnopesca, con Pascual Otero, que participaba activamente. Todo ía ben, pero chegaron os recortes e acabouse o proxecto. Vinme sentado diante dun ordenador sen poder progresar. Tiña seguridade laboral, pero iso non era suficiente para min. Non é que sexa un fanático do traballo, pero penso que parte da felicidade dunha persoa pasa por desenvolver os seus proxectos».

A casualidade quixo que tivese coñecemento da convocatoria dun concurso, por parte do goberno alemán, para elixir a un profesional cun perfil que se axustaba perfectamente ao seu. O sonense nin o dubidou: «Cheguei á final. Estábamos un australiano e eu». Juan Santos levou o lance e agora afirma sentirse «como peixe na auga». O instituto encárgase de proporcionar «alternativas técnicas de pesca para o Báltico, o Mar do Norte. Traballamos con pescadores de moitos países».

Trátase dun campo de traballo estratéxico para o instituto alemán que lle permitiu conseguir un premio do Fondo Mundial para a Natureza (WWF). Na actualidade, o equipo de científicos do que forma parte traballa no deseño de redes de arrastre, feitas en Galicia baixo as directrices do grupo xermano, para eliminar as capturas non desexadas. Santos explica que desenvolven o seu labor conxuntamente coa Cooperativa de Armadores de Vigo e que en breve sairán ao mar para probalas nun barco de investigación.

Traxectoria. A partir do 2005 comezou a traballar en cabo Estai, en Vigo, co Instituto Español de Oceanografía realizando mostraxes en embarcacións pesqueiras. Os recortes económicos motivaron que os proxectos se paralizasen e Juan Santos decidiu presentarse a un concurso convocado por un instituto de investigación Alemán.

Proxectos. En xullo participará, a bordo dun barco de investigación xermano, nunha campaña na que se probarán redes deseñadas polo centro no que traballa.