A praza de abastos de Noia aspira a converterse nunha referencia de lecer

NOIA

CEDIDA

O alcalde e a edila de Comercio buscaron o apoio do conselleiro de Industria para transformar por completo o mercado

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

En grandes cidades como Madrid ou Barcelona, os mercados son algo máis que iso e, coa incorporación de establecementos hostaleiros que conviven, e nalgúns casos substituíron aos postos de venda, transformáronse en lugares de referencia para o lecer e tamén para o turismo. Con ese obxectivo, o Concello de Noia deseñou un proxecto para converter a praza de abastos en algo máis que un sitio para facer a compra.

O alcalde noiés, Santiago Freire, e a concelleira de Comercio, Mariola López, desprazáronse onte a Santiago, onde mantiveron un encontro co conselleiro de Industria para presentarlle o proxecto e buscar apoio económico para sacalo adiante. Non en balde, estímase que a ambiciosa reestruturación da praza custará uns 900.000 euros, e a actuación afectará tanto o interior como ao exterior.

No que respecta ao interior do recinto, a idea é concentrar os postos de venda na planta baixa, mentres que o espazo central do piso superior, agora aberto e comunicado co inferior, cubrirase para gañar superficie: «Do que se trata é de facer que unha planta sexa independente da outra e utilizar a de arriba para desenvolver outras actividades». Así mesmo, exponse a posibilidade de habilitar novos establecementos hostaleiros nese espazo que complemente a oferta da praza. «O obxectivo é modernizar a praza e revitalizala», sinalou o rexedor.

Así mesmo, prevese abrir puntos de entrada de luz natural que agora están tapiados e acondicionar o exterior do edificio.