Dous centros da zona incorporaranse ao plan de mellora de bibliotecas escolares

A. P. RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Trátase do CEIP Praia Xardín e o CEIP de Outes

27 jul 2017 . Actualizado ás 16:36 h.

Dous centros educativos da zona pasarán a formar parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares da Xunta, un programa impulsado desde a Consellería de Educación. Os colexios que lograron acceder a esta iniciativa, na que este curso estarán integrados un total de 646,  correspóndense co o CEIP de Outes -o resultante do peche e a fusión do CEIP Emilio de Navasqüés co CEIP Serra de Outes, que agora adquire esta denominación- e o boirense CEIP Praia Xardín.

O plan de mellora de bibliotecas escolares ten como obxectivo conseguir axudas económicas para a actualización de fondos bibliográficos, a renovación de mobiliario e equipamento das salas de lectura, así como a cobertura doutros gastos de funcionamento. Por outra banda, e non menos relevante, este programa tamén está ideado para promocionar e impulsar o desenvolvemento de proxectos que partan das bibliotecas escolares e que teñan como meta a dinamización destas como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Para iso deberán incorporar espazos para a creación, investigación e o traballo colaborativo.