Os Irlandeses, de Rianxo, gañaron o torneo de rugbi de Boiro

R. DONIZ

BOIRO

MARCOS CREO

O equipo de Vanessa Rial impúxose na final da categoría feminina

09 ago 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

O torneo de rugbi que se organiza desde fai cinco anos en Boiro completou onte a súa quinta edición coa vitoria dun equipo da comarca, os Irlandeses, conxunto de Rianxo que venceu na final da categoría masculina ao Pementos. Na modalidade feminina impúxose o Salmotetas, da boirense Vanessa Rial, que gañou na final ao Morrigans. En veteranos fíxose coa vitoria o conxunto herculino do Zalaeta tras dobregar ao GDU.

O ambiente desta quinta edición do torneo foi inmellorable. Desde a mañá, coincidindo cos primeiros encontros, eran moitos os veciños e turistas que aproveitaron o paseo matutino para achegarse ao recinto deportivo instalado para presenciar algúns partidos. Xa pola tarde, e a medida que se achegaban os cruzamentos decisivos da competición, a presenza de público foi aumentando ata que resultou difícil atopar un lugar privilexiado desde o que ver as grandes finais. Un portavoz da organización explicou que a evolución desta cita deportiva está a ser moi satisfactoria, e non dubidou en agradecer o interese que espertou ente as persoas que gozaron dun día de praia coñecendo un pouco máis este deporte.

Boa organización

Os participantes nesta competición tampouco dubidaron en felicitar aos responsables da cita polo seu bo traballo. E é que as 13 persoas que estiveron á fronte do evento encargáronse de que non faltasen avituallamientos e comida aos xogadores, sobre todo durante as horas de máis calor, que coincidiron entre as 13.00 e as 18.00.

Hai que destacar o papel realizado polos anfitrións, o Barbanza Rugbi Club, que caeron por un ensaio na final de prata.

Xa pola noite, cando finalizou a competición, chegou a quenda do terceiro tempo, que consistiu, na mesma praia de Barraña, nun churrasco e unha festa con concertos. Para rematar, lembrar que o carácter benéfico do torneo, xa que toda a recadación da cantina, e outros produtos de comida recolleitos, serán entregados ao Banco de Alimentos.