Laura Lampón: Un pasaporte á ciencia selado nos xenes

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

Esta pobrense exerce nun laboratorio dependente do CSIC, encargándose da xestión de liñas xenéticas únicas

23 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

En demasiadas ocasións, acostúmase a dar por feito que calquera tipo de contribución á ciencia virá da man dun puñado de expertos de renome. A seguinte historia constitúe un relato no que se mesturan o esforzo e a superación cunha paixón que só unha minoría chega a comprender: o amor pola curiosidade. Este último concepto foi o desencadeante que levou a Laura Lampón Fernández (A Pobra, 1992) a integrar un dos equipos de técnicos de laboratorio do prestixioso Instituto de Neurociencias, un centro público de titularidade compartida entre a Universidade Miguel Hernández de Alacante e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Sendo só unha nena, a pobrense descubría na casa dun veciño un obxecto que marcaría o rumbo da súa traxectoria laboral. Do interior da caixa dun deses equipos de química para cativos, Laura Lampón atopaba un microscopio de xoguete co que, ademais de observar minúsculos insectos, albiscou o seu futuro: «Son demasiado curiosa, e niso se basea a ciencia, en querer saber máis sempre».

Test de probas

Esta moza de 24 anos nunca dubidou sobre o seu soño de exercer nun laboratorio, mais si do camiño para chegar ata este. Consciente da situación de numerosos universitarios españois sen acceso a un posto de traballo, decidiu elixir un itinerario académico que lle garantise maiores oportunidades de incorporarse ao mercado laboral. Por ese motivo, tras rematar a secundaria no IES A Pobra do Caramiñal, realizou o bacharelato no IES Número Un de Ribeira e o ciclo formativo de técnica en laboratorio no IES Campo San Alberto de Noia.

«A vida non é un camiño recto, ten moitas curvas e eu collinas todas», con esa frase, Laura Lampón ilustra ese cúmulo de circunstancias que a levaron, incluso, a completar un ciclo de administración. Sen embargo, nunca se permitiu o luxo de perder o tempo, xa que mentres quitaba a FP polas mañás asistía ao bacharelato pola tarde e traballaba como panadeira nos veráns.

Corría o ano 2013 e, unha vez conseguiu a titulación, a Lampón chegáballe o momento de facer as prácticas, unha primeira parada que a levou ao laboratorio compostelán Jacobo de Soto. Alí foi onde se curtiu e adquiriu as destrezas nas áreas da microbioloxía e a bioquímica. Non obstante, aquela estancia de tres meses non foi dabondo para ela e solicitou outras prácticas de carácter voluntario.

«Só pensaba en seguir aprendendo e empaparme deste mundo», explicou a técnica, das razóns que a levaron a entrar na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, un centro que dirixe o insigne doutor Ángel Carracedo. «A xenética sempre me chamou a atención, hai moito por explorar e non sabemos ata onde podemos chegar», precisou deste ámbito científico.

De Galicia ao Levante

Tras pasar medio ano formándose nun dos espazos científicos máis importantes do país -analizando mostraxes e estudos xenéticos de centenares de persoas da comarca e de toda Galicia-, Laura Lampón soubo dunha convocatoria do Estado para presentarse a varias prazas repartidas por todo o territorio. Azar ou destino, logrou obter unha delas no alacantino Instituto de Neurociencias, no que traballa dende hai preto de dous anos.

Neste laboratorio dependente da Universidad Miguel Hernández e do CSIC, a pobrense encárgase de minuciosas e precisas tarefas como xestionar modelos de colonias xenéticas, realizar procesos de preservación de mostras embrionarias e da criopreservación de liñas xenéticas, co engadido de cada unha destas é única no mundo. Durante o seu día a día, Lampón enfróntase a traballos nos que debe poñer os seus cinco sentidos, xa que un só erro pode supoñer ter que repetir probas que poden alcanzar tempos de días ou semanas.

Cando esta profesional mira cara o futuro non o fai con medo. Aínda que lle gustaría continuar no seu cargo ou regresar ao laboratorio de Carracedo, non descarta ter que facer as maletas como moitos dos seus compañeiros e marchar a países con maiores recursos para a ciencia, por iso sorrí e anota: «Xa o din os Heredeiros, ‘de Jalisia ao estranxeiro, hai catro metros e medio’. Haberá que dar unha voltiña».