O medio ambiente está de moda, sabemos aproveitalo?

Mario Maceiras SECRETARIO DÁ ASOCIACIÓN MONTE PINDO PARQUE NATURAL

BARBANZA

23 jul 2017 . Actualizado ás 05:05 h.

Cada ano, milleiros de persoas achéganse de toda Galiza e alén aos nosos espazos naturais para explorar algunhas das paisaxes virxes máis interesantes de Europa, xerando grandes oportunidades para a veciñanza que vive no seu entorno.

A crecente paixón polas rutas de sendeirismo, o campismo, as carreiras pedestres e ciclistas, a escalada e outros deportes de aventura en contacto coa natureza está sendo un revulsivo que todos os concellos tentan aproveitar. O pacto é claro: nós coidamos a nosa natureza e, a cambio, beneficiámonos deste fluxo turístico verde de calidade.

Entidades coma a nosa, Monte Pindo Parque Natural, traballan desde hai anos non desde o estrito conservacionismo, senón para o desenvolvemento sostible dos espazos naturais, respectando aproveitamentos tradicionais e atraendo outros novos para poder beneficiar a toda a sociedade. Por iso pedimos para os espazos figuras de protección reais coma a do parque natural do Pindo, pois isto implica máis investimentos e actuacións que prohibicións.

Sen embargo, as inmensas oportunidades que destes espazos poden sacarse non están exentas de riscos. As imprudencias ameazan os valores naturais e tamén ás propias persoas atraídas a estes enclaves. Sempre desaconsellamos as visitas a espazos coma o noso sen un bo coñecemento do lugar ou sen a compaña de alguén que a teña. Insistimos en que subir ao Pindo non é percorrer un paseo marítimo: os camiños agochan obstáculos e posíbeis accidentes, e as inclemencias meteorolóxicas poden converterse nunha trampa en zonas onde as altas temperaturas, ou ben a repentina borraxeira, poden complicar as cousas mesmo a persoas experimentadas. Ademais en paraxes coma o monte Pindo é case inviábel o rescate por outros medios que non sexan os aéreos, o que dificulta ese labor.

Estes factores temos que telos moi en conta tanto quen repensamos o papel dos nosos espazos naturais coma quen simplemente goza deles. É necesaria a corresponsabilidade e a coordinación de todos os axentes sociais para minimizar os riscos para estes lugares e as persoas que os usamos, para deixarlle ás xeracións vindeiras o noso medio natural tal e como nos gustaría telo atopado a nós.