A Pobra pasou a ser concello de interese turístico galego

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Un par de anos despois foi Rianxo o que logrou dita distinción e, máis recentemente, pasou a engrosar a relación o municipio de Muros

23 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A existencia de recursos naturais como o monte A Curota e de importantes bens a nivel cultural e patrimonial, como a Torre de Bermúdez, sede do Museo Valle-Inclán; así como a celebración, cada terceiro domingo de setembro, da multitudinaria procesión do Nazareno foron as grandes bazas que xogou o Concello da Pobra para lograr a distinción de municipio de interese turístico galego. O recoñecemento facíase público en xullo do 2005. A terra que no pasado fora fonte de inspiración do creador do esperpento entraba a formar parte dunha selecta lista na que, naquel momento, só estaba outro termo barbancés, Ribeira.

Un par de anos despois foi Rianxo o que logrou dita distinción e, máis recentemente, pasou a engrosar a relación o municipio de Muros. Outros territorios da comarca, como o noiés, seguen á espera de ver atendida a súa petición. Pola súa banda, A Pobra expuxo no 2009 a posibilidade de aspirar á declaración de interese turístico nacional, posibilidade que non chegou a frutificar.