Paisaxes graníticas

Jose LIRES

BARBANZA

Nas rochas da superficie desentráñanse segredos do interior da terra

30 jun 2017 . Actualizado ás 11:31 h.

Co paso dos anos caín na conta de que as sensacións das primeiras lecturas permanecían latentes á espera de aflorar no momento oportuno. Gocei moi novo da narración daquela viaxe arroutada ao centro da Terra, e crin no imposíbel. Tempo despois, dun xeito menos poético, aprendéronme a desentrañar os segredos do interior terrestre nas rochas da superficie. Será por iso que sinto especial afección polas paisaxes esgrevias esculpidas en rocha núa. Xa que logo, non resultaría estraña a elección dun macizo granítico como esa paisaxe merecedora dun libro no cuestionario de Xerardo AgraFoxo. Menos doada ía ser a escolla entre os candidatos: A Curota, monte Pindo, O Confurco... A posibilidade de perderse entre os penedos de calquera destes territorios é sempre un plan atractivo para un xeólogo.

Madrugamos moito este día para aproveitar os primeiros raios de sol que acariñan o terreo levemente. Son as mellores horas para acercarmos ás rochas e observar os seus compoñentes. O estudo minucioso obríganos a deitarnos sobre elas, a pousar os ollos a escasos centímetros da superficie. Pola miña parte, acostumado a ler paisaxes enraizadas en rochas sedimentarias, recicladas de materiais primixenios e ateigadas de vida fósil, tento agora adestrar a mirada na procura de novos elementos, patróns e texturas (unha sorte de fenotipo) que darán lugar a escenas bastante diferentes a aquelas.

A mole pétrea que pisamos formouse hai centos de millóns de anos. O magma, a rocha fundida provinte do límite inferior da codia, ascendeu cara a unha rexión baixo o continente onde comezou a arrefriar e solidificarse. Posteriormente, a erosión e os procesos tectónicos foron quen de emerxer o conxunto. Ata aquí a historia resumida dun nacemento común, pero pronto os riscos que estamos a ver vannos contando as particularidades do escenario.

Ademais da presenza de cuarzo como principal compoñente, destacan os feldespatos que aparecen como grandes cristais brancos, alongados, de sección perfectamente xeométrica e dispostos cunha orientación preferente.

Pencas amorfas

As micas, brancas e negras, acomódanse en agrupacións diseminadas aleatoriamente formando pencas amorfas de escala centimétrica. Estas descontinuidades na composición, xunto coas fracturas que acoitelan o macizo, xeran zonas de debilidade aproveitadas polos axentes erosivos para tallar as rochas. Pola contra, a área máis resistente aos meteoros resulta ser un enxame de filóns que destacan como trazos de xiz.

Estas veas mineralizadas, inxectadas no granito, foron protagonistas dunha historia recente en que «se abriu a terra e ofreceu a súa veta negra entre a brancura do seixo e que foi un bálsamo para esconxurar a miseria dos arriscados»; así describía o poeta Avilés de Taramancos os tempos do volframio, segundo cita Carmen Blanco na súa obra sobre as minas de Varilongo.

De volta na casa, fáltame tempo para acudir ao andel e rescatar o volume de Verne. Certo é que, na mente do escritor, o profesor Lidenbrock viaxou ao centro da Terra. Nós, combinando imaxinación con rigor científico, vimos de auscultar o corazón dunha antiga cordilleira xurdida da colisión de mundos perdidos. Menos dá unha pedra?

Veas de cuarzo nun macizo granítico formado hai centos de millóns de anos