Un xesto que honra ao deporte rei

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O ribeirense recibiu un premio da Federación por tirar o balón fóra, cando podía marcar, ao ver a un rival lesionado

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe en día, non é estraño ver no fútbol acciones coas que os deportistas intentan enganar ao árbitro e aos seus rivais. Finxir unha falta, un penalti ou unha lesión é unha actitude que se repite partido tras partido. Estas artimañas son parte do xogo e iso provoca que, por exemplo, algunhas veces sexa difícil saber se un xogador que está no chan, facendo xestos de dor, sufriu algún golpe de consideración. Cando un futbolista se atopa unha situación deste tipo ten dúas opcións, tirar o balón fose para que entren as asistencias médicas ou continuar a xogada e agardar a que sexa o colexiado quen tome a decisión de parar o encontro. Pablo Sampedro, deportista do Sálvora, optou polo primeiro dos casos e, por iso, a Federación Galega de Fútbol concedeulle o premio ao Xogo Limpo 2017.

«Vin que o porteiro se agarraba o xeonllo e berraba demasiado. Por iso decidín tirar a pelota fóra, vin claro que estaba lesionado», asegura Pablo. O mozo de 16 anos tan só tiña que empurrar o esférico, xa que estaba en boca de gol, para conseguir o tanto, pero renunciou a facelo. Nese momento, o seu equipo perdía 1-0, polo que marcar fose importante. Este xesto de compañeirismo non pasou desapercibido para a Federación, que hai aproximadamente 15 días chamou a directivos do Sálvora para preguntar quen fora o mozo que tivera unha actitude tan deportiva. O que non se imaxinaban na entidade ribeirense era que esa chamada repercutiría nun galardón para o seu futbolista.

Recoñecemento inesperado

«Foi sorprendente, non contaba con este distintivo e faime ilusión. Aínda que está claro que prefería que ao porteiro rival non lle pasou nada e marcar o gol», afirma Pablo Sampedro, quen recoñece que «son un pouco protestón e tarjetero». O mozo, que milita no conxunto cadete do Sálvora pero xa debutou cos sénior, ademais de futbolista é técnico, xa que dirixe, xunto con outro compañeiro, aos alevíns: «Desde que son adestrador cambiou o meu punto de vista. Agora entendo certas cousas e véxome reflectido nalgún dos rapaces, aos que trato de corrixir».

«Dedico o galardón ao equipo alevín e aos meus compañeiros, cos que levo toda a vida xogando», destaca Sampedro, quen foi felicitado por numerosos clubs e entidades.

Unha gran ovación

O ribeirense asistiu á gala do fútbol galego, que se celebrou o pasado xoves no Palacio de Congresos de Santiago, para recibir o premio ao xogo limpo. Alí, o futbolista recibiu unha gran ovación: «O que máis aplausos levou foi Borja Iglesias e despois el», apunta Manuel Sampedro, Artola, pai do mozo e directivo do Sálvora. Da cita, Pablo resalta que «foi moi longa, porque se entregaron moitas placas», e que lle supuxo «unha gran experiencia, xa que tes preto a xente que habitualmente ves por televisión».

Artola tamén se mostrou satisfeito porque este galardón deu repercusión ao club de Ribeira: «Para un equipo como o noso, é case imposible estar nesa gala por ser campión. Creo que eramos o conxunto máis pequeno que estaba alí». Por outra banda, Pablo Sampedro agarda que a acción que motivou que a Federación lle concedese o premio teña repercusión entre os seus compañeiros: «Que queden con este xesto e non con que protesto», explicou, facendo especial referencia aos futbolistas que forman o persoal que el adestra.