«Todos temos historias que contar, uns con palabras e outros coa música»

a. parada / A. novo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A compositora rianxeira vén de publicar «Metamorfoses», o seu último disco

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O panorama musical da bisbarra conta cun novo tesouro entre os activos da súa fonoteca. Trátase do último traballo publicado pola pianista rianxeira Aida Saco Beiroa, Metamorfoses, que foi presentado recentemente na libraría Nobel de Boiro e cuxos acordes soaron nas ondas de Radio Voz Barbanza, onde a compositora explicou o traballo oculto detrás de cada partitura.

-Como nace Metamorfoses?

-Metamorfoses é un proxecto que iniciei no ano 2015, ao gravar a primeira das pezas, Atmosfera. Mais o proxecto non é só o disco, trátase dun ano de traballo que aínda continúa. O obxectivo do álbum era recoller o meu último ano de instituto a través da música. Quería deixar reflectido o paso dos 17 aos 18 anos, todas as emocións ou experiencias vividas nese período.

-Que mensaxe busca transmitir con este traballo ao público?

-Espero que a xente que o escoite tamén viva as súas propias metamorfoses e lembre as pasadas. Todos temos historias que contar, uns con palabras e outros coa música.

-Como está estruturado o seu novo disco?

-Son 11 temas cunha duración total de cerca de 50 minutos. Non responden á orde cronolóxica da composición, xa que se trataban de distintas pezas que fun creando na casa de Helena de Alfonso e José Lara, os compoñentes de Barahúnda, aos que agradezo o traballo invertido na gravación do disco. Sen eles non sería posible. Ao principio o importante era recoller cada canción, por iso cada unha está gravada nun día diferente, cos diversos estados de ánimo que iso implica. E por iso o traballo de mestura e do master foi tan laborioso.

-Como funciona o proceso de composición no seu caso?

-Supoño que durante os distintos traballos que realice ao longo da miña vida o proceso mudará. Sempre digo que o que me gusta é explorar e non me vou quedar nunca nun só estilo. Neste caso primou a inspiración momentánea. Non había ningún tipo de límite nin normas da harmonía clásica, só quería plasmar os meus sentimentos na música.

-Como titula cada canción?

-Algunhas pezas compúxenas pensando inicialmente nunha idea extraída do título. Noutros casos, simplemente me saía a música e buscaba unha palabra que ilustrase esa idea.

-Resulta duro compaxinar os estudos coa faceta musical?

-Para min a composición é unha forma de evasión e diversión, non se trata dunha obriga. Este ano estoume centrando no estudo do piano clásico e estou a realizar bastantes recitais e audicións. Ao respecto dos proxectos de composición, están pendentes os concertos de Metamorfoses e tamén participarei nas presentacións do poemario A relixión do mar, de Xosé Iglesias.

-Ten algún proxecto novo no que estea a traballar agora?

-Teño un proxecto de colaboración dunha canción coa artista Uxía Senlle. Tamén hai outras pezas pendentes de gravación.

-Todos os temas levan un anaco seu, pero que me podería dicir da canción chamada Vida?

-Vida foi composto o día que cumprín 18 anos e quería reflectir a miña traxectoria vital ata o momento. Mais prefiro que cada un busque o seu sentido persoal.

-Onde se pode adquirir ou escoitar Matamorfoses?

-Algúns dos temas pódense escoitar na miña canle de YouTube [introducindo o nome da pianista no buscador] e os restantes a través do propio disco que vendo persoalmente ou nos mesmos concertos e presentacións.

Primeiro gran concerto: Aida Saco levará Metamorfoses ao local Portas Ártabras en A Coruña o venres.

Vindeiras datas: A rianxeira sacará de xira este traballo a partir do verán e xa están pechadas varias actuacións: unha na Casa das Crechas en Santiago e outra en Boiro, na Pousada das Ánimas.