O lance amoroso de Touriñán e David Amor esgota as entradas

La Voz

BARBANZA

cedida

Para os dous pases previstos no Noela da obra «Amigos ata a morte» colgouse o cartel de completo

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O da vila noiesa con Amigos ata a morte foi un flechazo a primeira vista. O lance teatral que enfronta a Xosé A. Touriñán e David Amor pola mesma moza foi estreado en Noia en outubro do 2015. Entón, as entradas voaron a tal ritmo que houbo que programar máis pases e aínda deixaron ganas de máis. Mostra diso é que, dous anos despois, a resposta do público foi de novo fulgurante e devorou as localidades dispoñibles ata colgar de novo o cartel de completo para as dúas funcións que acolle mañá o Noela.

Última xira

«O que demostra é que o espectáculo é bo. A primeira vez podían vir porque eramos caras da tele, pero se volves a encher é porque o público o pasa ben», afirma Touriñán, quen cre que o boca a boca foi o revulsivo final.

Esta é a terceira e última xira de Amigos ata a morte, unha inxección de risos dirixida polo galego Javier Veiga que xa aplaudiron máis de 12.000 espectadores e cuxo punto de partida foi, precisamente, o mesmo ao que regresará o triángulo amoroso mañá. «O balance é positivo, para nós a gran sorpresa foi a resposta do público», indicaba a terceira en discordia, Ledicia Soa, en Ourense hai uns días.