A toxina na ría de Muros-Noia forza o peche da campaña marisqueira co ameixón en cotizacións máximas

J. Sande MUROS / LA VOZ

BARBANZA

sande

O prezo nas últimas poxas chegou a 4,60 euros

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A presenza de toxina en augas da ría de Muros-Noia forzou o peche da campaña extractiva nas zonas de libre marisqueo. Coa interrupción da actividade cesa tamén a captura do ameixón, que estaba a acadar cotizacións por amais do habitual. Nas últimas poxas o prezo do quilogramo elevouse ata 4,60 euros.

Esta variedade de ameixa acada un gran tamaño e algunhas unidades superan os 400 gramos. O seu consumo na zona é testemuñal, pero a súa captura comezou a estenderse entre os profesionais cando empezou a exportarse a outras comunidades autónomas, principalmente a Andalucía.

Por este motivo, a comercialización desta variedade estase convertendo nun recurso apetecible para os mariscadores de Muros e Noia. Hai uns anos, o valor do ameixón de cando en cando superaba o euro, pero agora constitúe unha importante fonte de ingresos que, nesta ocasión, viuse mermada pola presenza da marea vermella.

Non só os prezos son rendibles, senón que na actual campaña estaba a converterse nun dos bivalvos máis abundantes.

Un total de noventa embarcacións iniciaran a campaña nas zonas de libre marisqueo da ría de Muros-Noia. Con todo, a escaseza de produto motivou que algúns decidisen abandonar para dedicarse a outras artes de pesca.

Pouco bivalvo

Así, quen seguiron mariscando ata o peche da campaña, o mércores, afirmaban: «Con dez quilos de ameixón por persoa, e algunhas outras variedades de bivalvo, imos capeando o día a día e levando uns 50 euros para a casa. Non é moita cousa, pero non temos máis sitios aos que ir. Por iso, a maioría de nós xa nos preocupamos de sementar os ameixóns pequenos, para que esta especie non desapareza».

Aínda que nesta época do ano é frecuente a toxina na zona, a súa aparición supuxo un contratempo para o sector do marisqueo, que agora terá que dedicarse a outras actividades.