Un soño que empezou da nada

BARBANZA

jorge parri

O Volantes de Baño tivo moitos problemas ao comezo da tempada, pero rematou xogando a fase de ascenso

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha tempada pode ser un contraste de sensacións. Un exemplo diso é o Volantes de Baño, que a principio de campaña estivo a piques de non participar na competición por falta de xogadores e ao final pelexou na fase de ascenso por subir de categoría. O soño acabouse ao cruzarse co Ameixenda, que gañou aos muradáns, tanto no encontro de ida como no de volta, e pelexará por un posto de ascenso co Lira. «A pouco máis de cinco días para comezar a liga, non tiñamos xente. Ao final a conseguimos e fixemos un bo grupo que pouco a pouco foi competindo ata meterse na fase de ascenso», apunta o adestrador do Volantes de Baño, Santi Rodríguez.

O técnico dos muradáns asegura que o inicio da tempada foi duro: «Ao primeiro partido da liga chegamos cun só adestramento». Ademais, durante todo o presente curso futbolístico «foi moi difícil xuntar xente para adestrar e, aínda por riba, sumáronse varias lesións. Tivemos que usar moitos xogadores por mor das múltiples baixas».

Un grupo de amigos

Rodríguez destaca a calidade dos seus xogadores, pero, sobre todo, considera fundamental que «son un bo grupo de amigos». O preparador do Volantes de Baño lembra que «collín o ano pasado un equipo roto, ao que lle custaba moito xuntar 11 persoas para ir a xogar». A pesar de que coa chegada de Santi Rodríguez, o conxunto muradán mellorou en moitos aspectos, o adestrador aínda bota en falta «máis compromiso. Durante a tempada uns adestraban só os venres e outros varios días á semana. Xuntarse todos é importante, porque podes ser moi bo xogando ao fútbol, pero tes que entenderte cos compañeiros».

A competición xa concluíu para o Volantes de Baño, polo que toca mirar á próxima tempada. Nela, Santi Rodríguez non ten claro que poida continuar no banco por motivos familiares e laborais, pero afirma que se non segue dirixindo ao equipo, «intentarei apoialo en todo o que poida. Sería unha pena que a xente o deixe co que nos custou formar este bo grupo de xogadores e persoas».

Apostar pola base

O presidente do Volantes de Baño, Bernardino Caamaño, considera que o obxectivo da entidade terá que ser ascender de categoría, pero, ademais, tamén promocionar a base para evitar problemas por falta de xogadores, como ocorreu ao principio de liga. «O ano que vén vai haber que reforzar liñas porque hai rapaces que marchan. Teremos que tirar do xuvenil, xa que hai mozos que teñen boa proxección».

A aposta de Caamaño é fomentar as categorías inferiores e, por iso, buscará que a entidade conte tamén cun equipo de categoría cadete.