A Xustiza obriga a Serra do Barbanza a pagar 2,5 millóns a Fomento

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

BARBANZA

A sentenza responde a un incremento dos puntos de recollida fai dez anos

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai pouco máis de tres anos, no medio dunha serie de enfrontamentos xudiciais entre a mancomunidade Serra do Barbanza, propietaria da planta de tratamento de lixo de Servia, e Fomento de Construcións e Contratas (FCC), a empresa que a xestiona, fíxose pública unha sentenza na que esta última saía vitoriosa. Entón, a entidade supramunicipal recorreu a decisión da Xustiza, pero esta volveu a pronunciarse no mesmo sentido e obrígaa a restablecer o equilibrio económico da firma, desbaratado polo incremento dos puntos de recollida de residuos fai dez anos. Isto significa que a mancomunidade deberá abonar a FCC uns 2,5 millóns de euros.

A contía non responde unicamente á instalación de novos colectores -un total de 140- en distintos puntos de Porto do Son, Noia, Brión e Lousame, senón que inclúe o incremento do custo do servizo que iso supón. De feito, na primeira sentenza, datada en setembro do 2013, alúdese a esta cuestión e ao feito de que o incremento dos puntos de recollida tamén afecta necesariamente aos percorridos. Isto supón, a ollos da empresa concesionaria, unha modificación do contrato asinado no seu momento con Serra do Barbanza, de aí a reclamación formulada.

Foi en xuño do ano pasado cando Fomento solicitou a execución forzosa da sentenza, e o Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña determinou que «procede acceder á petición da recorrente debendo a demandada restablecer o desequilibrio co pagamento das facturas pendentes presentadas ao cobro». Desde que se ditou o primeiro fallo no 2013, a mancomunidade rexeitou mediante unha serie de resolucións, que agora foron anuladas polo xulgado, as facturas presentadas por FCC para compensar o incremento dos puntos de recollida.

As alegacións

Segundo consta no auto xudicial, a mancomunidade alegou, para evitar o abono da contía reclamada pola empresa, incumprimentos de contrato por parte desta, pero o auto considera que «son alegacións improcedentes aos efectos da presente execución».

En vista disto, o tribunal estima as reclamacións de FCC e determina que Serra do Barbanza debe «restablecer o desequilibrio económico conforme ao ditado da sentenza co pagamento das facturas presentadas ao cobro máis os intereses legais incrementados en dous puntos», do que resulta un importe total duns 2,5 millóns.

Contra o auto cabe recurso de apelación, e a presidenta da mancomunidade, María Xosé Alfonso, confirmou onte que se presentará porque non están conformes coa resolución xudicial e non creen xustificada a indemnización que reclama Fomento.

En aprietos

Como FCC e a mancomunidade Serra do Barbanza síganse empeñando en pasar polo xulgado cada vez que xurdan diferenzas entre eles non gañarán para avogados nin para pagar as costas. A cantidade que a entidade supramunicipal terá que abonar por orde xudicial á empresa non é moco de pavo e pode póla en aprietos.

A sentenza do 2013 recoñece que existe unha alteración do contrato allea á concesionaria

O último auto xudicial, datado o pasado 19 de abril, non fai máis que confirmar o recolleito na sentenza publicada no 2013, na que se recoñece que existe unha alteración do contrato da que non é responsable a empresa concesionaria e pola que debe ser indemnizada.

O propio fallo, ditado tamén polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña, explica que a Administración ten potestade para modificar o contrato cando xurdan necesidades novas ou causas imprevistas «sendo o único requisito necesario a existencia de interese público», pero ao mesmo tempo indica que a empresa ten dereito a ser indemnizada «como compensación a unha alteración na economía do contrato que non é culpa súa».

Así mesmo, establece que os pregos da concesión non exoneran a Serra do Barbanza do deber de indemnizar a Fomento «e moito menos que esta deba soportar un aumento do número de puntos de recollida con ocasión das modificacións do contrato impostas pola mancomunidade».