Os incendiarios non perden tempo

Ana Gerpe Varela
Ana Gerpe CRÓNICA

BARBANZA

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Non digo eu que unha neglixencia á hora de efectuar unha queima sen permiso nunha época de máximo risco de incendios como a actual non poida acabar nun devastador lume. Creo que se deu algún caso. Sen dúbida, tamén existen persoas que, debido a unha disfunción, senten paixón por prender lume. Tamén se deron casos. E tampouco faltan os amantes da montaña, co terrible vicio do tabaquismo, que un día tiraron unha cabicha que acabou converténdose nun monumental incendio. Disto último non se se hai casos documentados, pero seguro que algunha vez se produciu un feito semellante, que na vida pasa de todo.

Á marxe de todas estas casuísticas que, non cabe dúbida, poden darse en distintos momentos, sorprende que o lume apareza sempre, como sucedeu onte en Rianxo, cando máis dano pode facer. Ás tres da tarde, e xusto nun dos días nos que o nordeste sopra de xeito abondo, o que dificulta as tarefas de extinción e propicia que as chamas corran como o diaño.

Non se eu se este incendio, que calcinou cincuenta hectáreas e puxo en xaque a uns veciños que estaban tranquilamente de sobremesa, por non falar dos servizos de extinción, que, non me cabe dúbida, prefiren que non haxa incidencias a ter que expor a súa vida á loita contra as chamas, debeuse á imprudencia dunha queima, dun cigarro ou á acción dunha persoa que necesita axuda médica.

Teño bastantes reservas de que algunha das citadas anteriormente teña sido a causa do primeiro gran incendio da tempada que, tristemente, creo que quedou inaugurada desta forma.

Agora que o bo tempo parece implantarse de xeito permanente na comarca e as choivas escasean, cabe preguntarse se ten sentido que a Administración manteña o mesmo calendario que hai anos sobre a campaña de incendios. Está claro que as cousas están a cambiar e non pode continuar establecéndose como período de alerta máxima entre xullo e setembro. Agora que non hai veráns nin invernos, é preciso reformularse o protocolo.

É verdade que o persoal dos distritos forestais está sempre atento e que onte, en Rianxo, houbo un gran despregamento de medios aéreos e terrestres. Pero tamén o é que a campaña como tal aínda non se activou e a cuestión é se estamos preparados para o que poida vir.

Os que non perden o tempo son os pirómanos. Eses si que están ao tanto, saben onde, como e cando actuar, e haberá que ver as sorpresas que, desgraciadamente, irannos deparando nos próximos meses, salvo que a improbable choiva o impida.