Baixos prezos e escaseza de bivalvo obrigan a suspender a actividade nas concesións de ribeirenses

ribeira RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A decisión foi tomada polos produtores

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os bancos marisqueiros de Ribeira permanecerán pechados o próximo mes. A decisión, adoptada pola agrupación de produtores, está motivada polo escaso prezo da ameixa vermella, a única especie que está permitido capturar, e porque a cantidade de bivalvo que hai nas concesións que administra o depósito é cada vez máis reducida.

O presidente do colectivo, Andrés Martínez, sinalou onte que os profesionais están a ter dificultades para coller os topes porque «a pouca ameixa que hai ten un tamaño pequeno. Temos que darlle un descanso ás concesións, así que non retomaremos a actividade ata o mes de xuño».

Os produtores decidiron abrir este mes as autorizacións na zona de Coroso confiando en que coa Semana Santa o bivalvo acadaría bos prezos, algo que ocorrera en exercicios precedentes. Con todo, as perspectivas non se cumpriron esta vez.

Non só iso, senón que as cotizacións na rula ribeirense seguen un ritmo descendente desde fai xa varias xornadas. Durante esta semana, o quilo de ameixa vermella pagouse a uns sete euros, o que motiva que os profesionais non saian hoxe a faenar.

Venres inactivo

Segundo un acordo adoptado no seu día pola agrupación, se a cotización do bivalvo ten os xoves un valor inferior aos oito euros, o venres non se vai a traballar. Na poxa de onte, segundo os datos achegados pola rula, a primeira parada foi a oito euros e o valor mínimo foi de 7,70. Na xornada do mércores, indicou Andrés Martínez, todo o produto se poxou a 7,10 euros.

O presidente da agrupación considera que os baixos prezos están motivados, en parte, polo feito de que varias confrarías, como Rianxo ou Cabo de Cruz, abriron as súas concesións, despois de que finalizase a campaña nos bancos de libre marisqueo.

Andrés Martínez confía en que a situación se restableza a partir de xuño, cando comecen a chegar visitantes ao municipio e aumente a demanda: «Temos que pechar dous meses ao ano e, dadas as circunstancias, este é un bo mes para facelo. Esperemos que todo vaia mellor despois deste tempo de inactividade».