A produción de mel reduciuse á metade no último ano pola velutina

Patricia Calveiro Iglesias
p. CALVEIRO RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os apicultores da zona asumen que no 2017 perderán colmeas enteiras

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A avespa velutina converteuse nun problema na comarca. A presenza, cada vez maior, da especie invasora non só supón un quebradizo de cabeza para os equipos de urxencias, que á súa lista de tarefas sumaron a de retirar os niños de avespa asiática alá por onde se van formando, tamén está a ter consecuencias económicas. Os apicultores da área barbancesa víronse especialmente afectados pola velutina, ata o punto de que a produción de mel na zona reduciuse á metade no último ano. Así o constata José Eiras Santorum, delegado da Asociación Galega de Apicultores (AGA) en Barbanza, unha filial que se recuperou no 2016 para dar voz aos produtores locais tras a desaparición do colectivo Api-bar, que representaba a case setenta colmeneros.

«O ano pasado, segundo nos consta, non chegaron a exterminar enxames enteiros, pero si se viu moi minguado o seu número de obreiras», explica o apicultor de Escarabote. E, ademais de depredar a un importante número de abellas produtoras de mel na comarca, a soa presenza da avespa asiática basta para que caia a colleita, subliña José Eiras: «Non fai falta que cheguen a meterse no enxame, a súa sola presenza xa fai que as abellas, por medo, se refuxien nel e non saian a recolleitar o néctar das flores».

O sector, que xa vén tocado do ano pasado, enfróntase en leste a unha tempada aínda máis dura. «Este ano espérase que a cousa vaia a peor e que a vespa asiática ataque a máis abellas aínda», continúa Eiras, quen explica que os medios dos que dispoñen para combater a praga son, basicamente, os mesmos.

«Estase levando a cabo, igual que no 2016, unha campaña empregando trampas con atraentes, tanto caseiras como comerciais, en función dos medios dos que dispón cada un, e das que puidera obter da AGA ou da Xunta. A única diferenza é que este ano se adiantou uns 15 días e xa empezamos a finais de febreiro a poñelas, vendo que a formación de niños de velutina se adiantaba», indica o apicultor.

Incidencia no prezo

Da incidencia que tivo no prezo do mel a caída na colleita pode dar conta Senén Cortizo Sieira, que comercializa o produto e outros derivados. «Nós, á parte de ter colmeas propias, compramos a produtores de toda Galicia e estámola pagando máis cara; a diferenza desde o 2015 ata agora é de dous euros máis o quilo», explica o empresario da Pobra. «No noso caso hase mantido o prezo a pesar de todo, pero se segue caendo a produción habería que subilo, é case inevitable», engade.

Curiosamente, Senén Cortizo foi un dos poucos ao que o azar o librou dos danos da velutina, polo menos ata agora. Trasladou as súas colmeas, fai un par de anos, cando o avance da avespa asiática era aínda un eco afastado, a Forcarei, onde a incidencia da especie invasora é mínima, di. «Levamos alí as colmeas porque esta é unha zona moi tratada con sustancias químicas e non en Forcarei, polo que podemos obter un mel de mellor calidade, como a que había fai anos na zona de Barbanza», sinala o empresario pobrense.

O sector estuda introducir trampas que dan descargas eléctricas ás avespas asiáticas

Os apicultores explican que os medios dispoñibles son insuficientes. Á marxe das trampas que reparten Xunta e AGA, as caseiras resultaron ser menos efectivas que as comerciais, segundo o último estudo realizado pola asociación. Os produtores, cada un na medida das súas posibilidades, están a pór diñeiro do seu peto para tratar de frear unha praga que lles causa perdas. Por iso é polo que o sector estude introducir outros sistemas, entre eles, unha trampa que o ano pasado probouse de forma experimental na Coruña dando bos resultados. Trátase dunha grella ou arpa electrificada que se pon diante e detrás das colmeas e que dá unha pequena descarga ás avespas asiáticas que, polo seu tamaño, tocan dous dos fíos e activan o sistema. Logo, caen a un recipiente con auga.

Os propios apicultores encárganse tamén de retirar os niños de velutina, e mesmo os usan como cebo. Para iso matan as raíñas, que atraen ao resto do enxame. E, unha vez está baleiro, serve de trampa para a súa sucesora.