O empedrado da praza Castelao, unha obra con cola

La Voz

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

O proxecto de mellora do espazo acabou no xulgado

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As pedras dun dos espazos públicos máis emblemáticos da vila rianxeira, a praza Castelao, esconden un conflito que provocou que os traballos para o seu lousado prolongásense durante anos. A actuación, que fora adxudicada a finais da década dos 80, estaba tal día como hoxe de 1990 lonxe de chegar ao seu fin. A existencia de discrepancias entre o Concello e a empresa encargada de acometer as obras provocou que o tema acabase resolvéndose nos xulgados.

O prazo de execución do proxecto e o material elixido para o empedrado, un tipo de granito que a empresa consideraba raro e escaso, do que era necesario conseguir 14.000 laxas, constituían a orixe do conflito. O Concello chegou a contratar a un técnico para que vixiase a diario o tipo de pedra empregada na obra.

Tras a mediación do xulgado, as augas volveron á súa canle e a actuación concluíuse, pero a adecuación da praza non estivo finalizada ata 1991.