Pisos para uns e non para outros

Francisco Brea
Fran Brea CRÓNICA

BARBANZA

22 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai pouco máis dun ano escribía as miñas últimas liñas neste espazo e facía as maletas para pór rumbo a Lalín e pulsar as teclas na capital do Deza. Agora vólvome a atopar aquí, na redacción que La Voz de Galicia ten instalada en Ribeira. Aínda que só levo na cidade centenaria uns poucos días, observo que a vida, máis ou menos, segue igual. O parque que vexo pola fiestra mentres volvo escribir neste espazo segue cheo de nenos xogando e de pais tomando un café ou unha bebida refrescante mentres vixían aos seus pequenos. Hai que aproveitar o bo tempo.

Moitos amigos, familiares e coñecidos utilizaron a mesma frase cando lles comuniquei que regresaba a Ribeira: «¡Que sorte! Vas pillar alí o verán». É certo, a costa barbancesa é un bo lugar para pasar o verán. Hai ambiente, hai boas praias, cómese ben... imos, que se pode gozar. O único problema que ten chegar a esta terra nestes meses do ano radica en atopar a un propietario dun piso que che alugue a súa vivenda, en principio por seis meses, e renuncie á posibilidade de cobrar cifras desorbitadas aos turistas durante a época estival. Porque cando o sol empeza a asomar e a quentar, as cifras dispáranse. Existen pisos que en tempada escolar teñen un prezo alcanzable, pero son prohibitivos durante o verán.

O tema non é novo, pero, ademais, nestes momentos non hai moitas opcións de alugueiro. Iso din, polo menos, nas inmobiliarias que visitei e iso puiden comprobar ao facer a típica procura en Internet a través dos coñecidos portais que albergan anuncios deste tipo. Eu, por sorte, en poucos días puiden atopar un apartamento céntrico, novo, a bo prezo e que se adapta ás miñas necesidades. Outros non poden dicir o mesmo. Nunha das inmobiliarias nas que entrei tiven que agardar a que a persoa que estaba á fronte acabase de atender a outros clientes que buscaban o mesmo que eu. Esa familia estranxeira non saíu da oficina de igual humor que saín eu. O motivo, ao meu déronme unha posibilidade e a eles negáronlla. E non foi por culpa da responsable da inmobiliaria, que intentou por todos os medios que a dona do piso accedese a alugarllo á familia, senón porque a propietaria do apartamento tivo prexuízos e non quixo confiar nesas persoas que querían un lugar para vivir.

A muller tiña os papeis que demostraban que ía cobrar dous anos o paro de non atopar traballo antes, polo que podería pagar as mensualidades. Pero nin con esas e o mozo, seguramente o seu fillo, soltou polo baixo: «Merda de país». E nese momento non puiden facer outra cousa que estar de acordo con el.