Arrincan as primeiras Xornadas Técnicas de Competición do Motor

A. Parada

BARBANZA

Carmela Queijeiro

O CIFP Coroso reunirá aos rostros máis coñecidos do motor galego estes tres días

18 abr 2017 . Actualizado ás 21:14 h.

O aparcadoiro anexo ao CIFP Coroso de Ribeira foi o escenario esta mañá dos primeiros ruxidos de motores, un son que se repetirá durante os dous días seguintes, no arranque da primeira edición das Xornadas Técnicas de Competición do Motor que organiza este centro educativo ribeirense. Trátase dunha serie de charlas e talleres especializados para os alumnos dos ciclos de automoción, a cargo dos principais rostros do motor galego, que está acompañada dunha exposición de vehículos -karting, motocrós, autocrós, coches de rali ou furgóns de mantemento- e que está aberta ao público. 

O agardado inicio sufriu un atraso de varias horas que mereceu a pena, xa que a apertura desta cita correspondeulle a Manuel Senra, cinco veces consecutivas vencedor do Campionato Galego de Rali, que nada máis aparcar levantou o capó do seu coche e impartiu unha masterclass aos presentes. Os actos proseguen esta tarde coas charlas do piloto de ralis Martín Bello e os irmáns Sergio e Diego Vallejo (piloto e copiloto, respectivamente), gañadores do campionato de España no 2009.