A obra do arquivo de Rianxo retomarase tras anos de parálises

BARBANZA

O taller de emprego permitirá impulsar a construción dun inmoble iniciado na última etapa de Piñeiro na alcaldía

11 jun 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Despois de máis dun lustro completamente paralizada, parece que a construción do futuro arquivo do Concello de Rianxo volverá cobrar impulso grazas ao taller de emprego concedido á Administración local esta mesma semana. A contratación e formación dunha vintena de persoas permitirá retomar unha actuación que parecía condenada a durmir o soño dos xustos para sempre.

A intervención que se realizará non será suficiente para dar por rematado o inmoble -no seu día é calculou en 147.000 euros o investimento necesario para deixalo operativo- pero o alcalde, Adolfo Muíños, cre que se dará un paso importante para encamiñar definitivamente un proxecto herdado do anterior alcalde, Pedro Piñeiro, que deixou o bastón de mando no 2011. Xa entón a primeira fase da actuación estaba finalizada tras un investimento de máis de 300.000 euros e agardaba unha inxección de fondos para ter continuidade, pero esa provisión de recursos non chegou e o edificio non se volveu a tocar.

Pendente da confirmación

Aínda que a Xunta xa anunciou a concesión do taller de emprego ao Concello de Rianxo, o rexedor aínda non recibiu a confirmación oficial. En calquera caso, a información da que dispón é que o programa autonómico permitirá contar cunha vintena de traballadores que recibirán formación específica en dúas especialidades: xardinería, cuxos alumnos se encargarán do mantemento das zonas verdes do municipio, e albanelería.

Serán os seleccionados neste últimos módulo os que se encarguen de dar continuidade á obra do arquivo e edificio administrativo. É pronto para falar de prazos, pero agárdase que o taller de emprego empece a funcionar tras o verán.