Absolto tras cultivar cen quilos de marihuana polo seu uso terapéutico

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

CEDIDA

O vilanovés padece leucemia e foi exonerado dúas veces ao non acreditarse a venda

25 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un pontevedrés residente en Vilanova de Arousa acaba de ser absolto, por segunda vez, dun delito contra a saúde pública por cultivar marihuana na súa casa para soportar a enfermidade que padece, unha leucemia. A primeira sentenza foi ditada polo Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra o 3 de xuño do 2008. A segunda resolución, por uns feitos moi similares, corresponde ao Xulgado do Penal número 1 da cidade e acábase de coñecer. De feito, non é firme e contra ela cabe recurso por parte da Fiscalía.

Segundo esta sentenza, á que onte tivo acceso La Voz, E.R.N. foi absolto dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas que non causan grave dano á saúde. O argumento do maxistrado é que non quedou acreditado que o home cultivase a marihuana coa intención ou finalidade de vendela a terceiras persoas. E iso que a Garda Civil interveu nunha leira anexa á súa casa 50 plantas de cannabis, cun peso de 15.998 gramos e un prezo no mercado ilícito de 74.710 euros. Ocorreu o 11 de setembro do 2013 cando axentes do posto de Cambados presentáronse no seu domicilio.

O ministerio fiscal solicitaba unha pena de catro anos de prisión e unha multa de 140.000 euros. En contra da tese da Fiscalía, o xuíz considera que aínda que eses case 16 quilos de droga son un «poderoso indicio» para poder concluír que a súa posesión estaba preordenada ao tráfico, hai que ter en conta que o acusado, agora absolto, padece desde hai anos leucemia, algo que acreditou documentalmente. O pontevedrés afirmou en todo momento que a cultivaba «exclusivamente para soportar a enfermidade», algo que acredita o informe forense, que reflicte que é consumidor desa sustancia.

Na sentenza tamén se alude a que E.R.N. vive dunha pensión de 600 euros sen que existan, tal e como informou a propia Garda Civil, signos externos aparentes de riqueza, «senón máis ben todo o contrario». Neste sentido, apúntase que non é titular de vehículos e no momento da aprehensión da sustancia non se interveu ningún obxecto ou instrumento que puidese facer pensar que o acusado utilizaba a droga para a venda. Non se atoparon na súa vivenda báscula de precisión, bolsas para a distribución das doses ou diñeiro en metálico.

Alúdese a que o achado da marihuana nunha leira propiedade do home é insuficiente, xa que logo, para dar plenamente probada a autoría do delito, «pois non se acreditou o ánimo tendencial consistente en posuír a sustancia para distribuíla entre terceiras persoas».

Fins terapéuticos

A preguntas deste xornal, o afectado, E.R.N., sinalou que desde fai dezasete anos consome marihuana con fins terapéuticos e que nunca comercializou coa droga. Non quixo facer máis valoracións argumentando que onte aínda non lle notificaron a última sentenza.

O despacho que levou o caso alude á colaboración do seu cliente coa Garda Civil

Desde o despacho de Fernando Garnelo, que levou a representación legal de E.R.N., fixeron fincapé en que o seu cliente colaborou en todo momento cando a Garda Civil se presentou na súa casa. Abriulles a porta voluntariamente e explicou que cultivaba a marihuana para soportar os efectos secundarios da medicación pola leucemia que padece e que é partidario ademais de tratamentos experimentais, sinalaron. Aínda que se trata dun tema moi controvertido, cada vez son máis os pacientes que proban o uso terapéutico dos cigarros de cannabis.

Na sentenza absolutoria anterior, do 2008, o ministerio fiscal solicitaba para o acusado a pena de catro anos e seis meses de prisión e unha multa de 207.429 euros por un delito contra a saúde pública na modalidade de sustancias que non causan grave dano á saúde en cantidade de notoria importancia. Neste caso, foi o 31 de agosto do 2006 cando se acharon na súa casa 77 plantas de marihuana, ademais dunha caixa con follas xa preparadas para o consumo. Segundo consta na resolución, eran case 83 quilos cun valor no mercado de 69.143 euros.

Naquela ocasión os axentes presentáronse cunha orde no domicilio de E.R.N. porque levaban días pasando pola zona e cheiraba bastante a marihuana. Ademais había algúns mozos na contorna. A xuíza afirma na resolución que, aínda que a cantidade resultante do secado «excedese da que se considera propio do autoconsumo», non se practicou proba acreditativa de que a intención do acusado era distribuír a droga a terceiros.