Viaxe cara atrás no tempo para honrar a San Fidel

R.E. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os veciños de Carril celebrarán esta fin de semana, con numerosos actos, os 200 anos da chegada ás reliquias do mártir á vila

28 jul 2017 . Actualizado ás 21:54 h.

Fai douscentos anos, tras unha longa peregrinación, as reliquias de San Fidel chegaron a Carril. Tras unha parada de vinte días na capela de Cortegada, os restos do Santo foron trasladados ata o lugar no que desde entón descansan, a igrexa carrilexa no medio dunha gran expectación. A Virxe de Cortegada acompañouno nese tramo final do seu percorrido, e a imaxe de Santiago Apóstol saíu ao seu encontro no porto. Dous séculos despois, os veciños de Carril decidiron recrear aquel momento. E esta fin de semana, o esforzo realizado cristalizará nun intenso programa festivo que onte foi presentado xunto ao mar no que dorme Cortegada.

Así que, se queren facer unha viaxe ao pasado, preséntense este domingo, ás once da mañá, en Carril. A imaxe da Virxe de Cortegada será trasladada horas antes á illa da que foi desterrada hai xa tanto tempo. Coa súa capela en ruínas, durmirá na caseta do Parque Nacional para o domingo, lozana e fermosa tras o traballo realizado pola asociación Rompetimóns, facer o camiño de volta a Carril. No porto, a imaxe de Santiago Apóstol faralle tres reverencias, como marca a tradición, e así arrincará unha procesión na que haberá traxes de época e bailarase a tradicional Danza das Espadas.

Segue a xornada

Tras a procesión tomarán as rúas os xigantes e cabezudos, a música de Airiños do Carril e de Noroeste, que estenderán o ambiente de festa ata o último recuncho de Carril. Ás doce haberá misa, oficiada polo arcebispo de Santiago, e á unha, un concerto especial da banda de música. Ás cinco da tarde, as cucañas encherán a praza da Liberdade, e ás dez chegará a verbena de man de Tango e Grupo América.

A comisión de festas recoñece que tivo que traballar duro para armar este programa, que aínda se estenderá ao luns. Pero valeu a pena. Así o recoñeceu o goberno local de Vilagarcía por boca do alcalde. E é que Alberto Varela estivo na presentación dunha festa que é o que é, sinalou, «grazas aos veciños».

O programa do luns

O luns, a comisión de festas decidiu dar protagonismo aos nenos. A partir das once da mañá, na praza da Liberdade, haberá inchables e colchóns para que os pequenos salten a gusto. Quen non poidan facelo pola mañá poderán facelo pola tarde, porque a festa infantil seguirá a partir das catro da tarde. Ás cinco e media da tarde, na Covacha, celebrarase unha festa da espuma que dará paso a un dos pratos forte da celebración da regata de barcaños. Ás oito da tarde inaugurarase o Festiclown, coa actuación do Meigo Don Gelati. E pola noite, para pór o punto e final, chegará a hora da verbena con Clan Zero e Banda Gaudi.