Vilagarcía busca acabar coas cabichas

andrés valenzuela / s. g. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O Concello inicia unha campaña de distribución de pequenos envases de plástico para evitar incendios, a contaminación e a sucidade que se xera no municipio

25 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía prefire previr antes que curar. Se a semana pasada presentaba dous novos vehículos antiincendios, onte comezou unha iniciativa, na praza de Galicia, para evitar danar a natureza e non ter que facer uso dos equipos de Emerxencias.

A principal actividade desempeñada pola campaña foi a distribución de pequenos envases de plástico para depositar os refugallos. Desta forma, tamén se contribúe a manter a localidade limpa, facéndoa máis agradable tanto para os veciños como para turistas. Lino Mouriño, concelleiro de Medio, xustifica o proxecto pola enorme deterioración natural que provocan os malos costumes, como tirar o lixo ao chan: «Esas pequenas accións, que pensamos que non supoñen nada porque son cousas pequeniñas, poden resultar todos xuntas un gran problema. Unha soa cabicha, ao mellor, é insignificante, pero moitas xuntas poden xerar un conflito medioambiental». Así mesmo, o edil comentou que o coidado do municipio empeza desde o plano persoal: «Ás veces non somos conscientes dos efectos que pode ter tirar as cabichas na area ou na rúa. Cómpre ter unha xestión individual comprometida cos residuos que creamos. O obxectivo é promover hábitos para previr, non para solucionar. É un pequeno xesto, pero de pequenos xestos facemos grandes cousas».

O socialista fixo fincapé na necesidade dunha especial prevención en zonas de praia: «Na rúa, polo xeral, o servizo de limpeza acaba recollendo unha gran parte de cabichas, pero as da praia non somos capaces de limpalas. É moi difícil recoller un elemento tan pequeno nese terreo». Ademais, advertiu que unha irresponsable actitude pode damnificar moito o litoral arousán: «Todo iso pode xerar moitos inconvenientes. Non só porque o material tarda moito en descompoñerse, senón porque é un filtro onde están acumuladas substancias tóxicas que poden, incluso, contaminar os nosos mares».

Finalmente, o político fixo referencia á necesidade dun consenso a curto-medio prazo coa oposición. Argumenta que se trata dunha cuestión que prexudica a todos por igual, sen importar a ideoloxía: «É un problema que dana da mesma forma a azuis, morados, vermellos ou verdes. Debemos chegar a un acordo para realizar unha xestión sostible e con vantaxes de interese común», concluíu Mouriño.