A residencia Divina Pastora celebra os seus 100 anos de vida
VILAGARCÍA DE AROUSA
Seis dos alcaldes que tivo Vilagarcía acudiron a un acto no que se avogou polo coidado aos maiores
28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.«Cen anos de pisadas silenciosas, cen anos de traballo incansable...». Con esta voz en off comeza o vídeo que se proxectou onte na residencia Divina Pastora de Vilagarcía. Trátase dun vídeo especial: co que celebran os cen anos que as Relixiosas Franciscanas Misioneiras do Divino Pastor levan en Vilagarcía. Empezaron a facerse cargo da residencia de anciáns cando aínda non tiña forma. «Recollíase a calquera persoa desamparada, de feito, había moitos novas», lembra a Nai Adela no vídeo. Nesa viaxe no tempo que se mostrou onte aos asistentes á celebración, a Nai Teresa lembrou que empezaron atendendo a 18 homes e 33 mulleres. Desde entón, «creo que melloramos moito». Nesta ocasión fala a Nai Inmaculada. Faino en corpo presente e en substitución da Nai Generala, que non puido asistir á celebración.
Ademais de facer un repaso polos cen anos en Vilagarcía, aproveitouse a ocasión para botar unha ollada ao futuro. «Agardamos que dure moito tempo a atención á persoas maiores da comarca» continúo a Nai Inmaculada. Un desexo compartido por todos presentes, ao considerar que «os maiores son, ás veces, un colectivo esquecido». Entre os asistentes atopábanse seis dos alcaldes que tivo Vilagarcía en Democracia: Alberto Varela, Enrique León, Javier Gago, José Luís Rivera Maio, José Recuna e Agustín Pereira.