Pedro Sánchez e a súa campaña achéganse esta tarde aos militantes do PSdeG-PSOE en Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O candidato a recuperar a secretaría xeral socialista estará na o sede da rúa Castelao a partir das cinco e media

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Pedro Sánchez retorna esta tarde a Vilagarcía. Faino na que será a súa cuarta visita á capital arousá, e nesta ocasión o seu obxectivo é o mesmo que lle trouxo a primeira vez á cidade, en xuño do 2014: converterse en secretario xeral do PSOE. Sánchez estará cos militantes na sede da agrupación socialista, na rúa Castelao, a partir das 17.30 horas.

A xornada do candidato, que aspira a recuperar o bastón de mando nun partido francamente dividido, en dura pugna con Susana Díaz e boa parte do aparello do puño e a rosa, ademais de con Patxi López, será frenética. Á marxe de Vilagarcía, Sánchez prevé facer escala en Cuntis e Barro, antes de concluír en Pontevedra.

O primeiro desembarco de Pedro Sánchez en Vilagarcía tivo lugar fai case tres anos, cando disputou e gañou a secretaría xeral a Eduardo Madina e Pérez Tapias. Levou a cabo a súa segunda visita en plena campaña das xerais. En xuño do ano pasado recalou en Castroagudín, pouco antes dos comicios que ao cabo acabarían custándolle o cargo. Aínda como líder dos socialistas, ofreceu un mitin en setembro, naquela ocasión dentro do marco das eleccións autonómicas e en apoio de Leiceaga. É o segundo candidato que acode á capital arousá tras Patxi López, fai quince días.