Alfonso González Galego é o único militante que se presenta para presidir o PP

s. g. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O prazo concluíu onte ás seis da tarde

25 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Partido Popular de Vilagarcía recobrará o ambiente dos congresos unívocos que presidiu a elección dos seus dirixentes antes do conclave fratricida que enfrontou a Tomás Fole e a Javier Puertas no 2010. Onte, ás seis da tarde, concluía o prazo aberto polo comité organizador para que aqueles militantes que desexasen dar o paso para liderar a agrupación presentasen as súas precandidaturas. Finalmente, un só afiliado fíxoo. Trátase de Alfonso González Galego, que o venres formalizaba as súas aspiracións na sede conservadora da rúa Castelao.

O requisito dos 75 avais

Sen marxe para a sorpresa, despois de que Marta Rodríguez Arias anunciase a súa renuncia a competir pola presidencia do PP vilagarcián, o camiño cara ao décimo congreso pasa, agora, pola recollida de avais. Tamén nisto producíronse cambios fundamentais, posto que o comité non requiriu esta vez que os virtuais aspirantes reunisen firmas entre os seus compañeiros para adquirir a categoría de precandidatos. Abondará con que González Galego consiga 75 apoios dous días antes da cita, que terá lugar o 14 de maio.