Cincinato e o voo da gaivota

Serxio González A COUSA POLÍTICA

VILAGARCÍA DE AROUSA

23 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Estraño. Así é o ambiente que se respira na contorna do Partido Popular de Vilagarcía ante o seu décimo congreso. A falta dalgunha sorpresa de última hora, nada indica que para o conclave de maio vaia a haber outra candidatura que a que arroupará a Alfonso González Galego. Hai un ano, o panorama era ben distinto. A candidata do aparello, bendicida polo novo presidente provincial da formación conservadora, Alfonso Rueda, era Marta Rodríguez Arias. Todos prevían xa que Tomás Fole deixaríase o pelello intentando apartala da carreira polo liderado do partido. Así son as cousas. Quen durante longos anos foi o seu número 2, artífice en boa medida da ansiada vitoria electoral, convértese da noite para a mañá en inimiga a bater. Había precedentes claros. Manuel Tarrío e Anxos Rodríguez, sen ir máis lonxe. Folga darlle máis voltas á peculiar relación do exalcalde con quen lle prestaron o seu apoio nos peores momentos. Entón -falamos de maio do 2016-, a diferenza de agora, a idea que imperaba na cúpula da gaivota pasaba por aplicar bisturí. É dicir, apartar a Fole de calquera posto de decisión para abrir, verdadeiramente, unha nova etapa na agrupación popular tras a amarga derrota ante o PSOE. Mesmo a risco de acudir a un congreso fratricida como o do 2010.

Xusto é recoñecerlle ao exregidor a súa habilidade á hora de sobreporse a calquera golpe. Nos meses transcorridos entre estas dúas primaveras foi capaz de recobrar crédito ante o seu presidente provincial, de abrirse camiño cara a un escano no Congreso e de convencer Rueda de que Marta Rodríguez non debería pilotar o proceso. Cansa de tanto desgusto -na sede da rúa Castelao algunhas miradas son asasinas-, a deputada acaba de tirar a toalla.

Ata aquí unha crónica que, salvando diferenzas de cor, podería escribirse sobre practicamente calquera formación política, nova ou vella. En que estriba, entón, o estraño do congreso en cernes? Precisamente na extraordinaria resistencia de Tomás Fole. Con apenas oito meses de militancia ás súas costas, González Galego diríase o candidato ideal para reconstruír o seu partido sen as laxas do pasado ao lombo. Con todo, nin sequera quedou claro se a súa intención é presentarse á alcaldía no 2019, o que, de non ser así, abriría unha bicefalia sen precedentes no PP. A diferenza de Fole -quen, empezando polo Porto, liquidou todo rastro do seu rival, Javier Puertas, coma se xamais existise- González si parece disposto a convivir coa longa sombra do exalcalde na súa faceta de belicoso portavoz municipal. Quen sabe. Aznar, ao retirarse, invocaba a Cincinato.