A nai de tres fillos ameazada de desafiuzamento perde a batalla pola propiedade do seu apartamento

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

monica ferreiros

A muller renuncia á súa titularidade e acepta a dación en pagamento

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A voz de Mari Carmen Fernández transmitía onte amargura e cansazo. Tamén decepción. Tras máis dun ano de loita, intentando manter a propiedade do piso no que vive cos seus tres fillos, a muller non tivo máis remedio que tirar a toalla e aceptar a dación en pagamento que lle ofrecía a entidade bancaria coa que no seu día subscribiu a súa hipoteca. Hoxe mesmo asinará os papeis. A súa familia non quedará na rúa, porque a arbitraxe do programa autonómico Reconduce garántelle un alugueiro social, que lle permitirá seguir habitando o seu apartamento de Vilagarcía durante os próximos tres anos. Pero a titularidade do piso pasa a mans do banco. Teoricamente podería recuperalo. Sempre, está claro, que melloren as súas condicións económicas e un soldo entre en casa. A primeira opción, nunha hipotética venda, será para eles. «Pero teriamos que partir de cero, pagando unha nova hipoteca, e eu agora xa non teño nada que deixarlles aos meus tres fillos», explica, entre furiosa e abatida.

Mari Carmen intentou, por activa e por pasiva, que a entidade financeira accedese a reestruturar a súa débeda. A sucesiva falta de pagamentos, inevitables cando quedou sen traballo, elevaron a cota de amortización por amais dos cincocentos euros mensuais, imposibles de acadar para unha familia cuxos ingresos se viron reducidos ao mínimo imprescindible para seguir tirando. As axudas do Concello e da Xunta, asegura, fóronse difuminando. Chamou ás portas de formacións políticas de diferente cor, un recurso que tampouco funcionou. Hai máis, algo fundamental neste proceso: os seus dous exmaridos, pais dos tres rapaces, non fan fronte ao pagamento das pensións dos seus respectivos fillos. Con ese diñeiro, o piso seguiría ao seu nome. Pero o caso segue empantanado nos tribunais. «Nin a Xustiza, nin os bancos, nin os políticos fixeron nada ao final, como imos crer en algo?». Dura conclusión.