O cuarteto que pedalea seguindo o ronsel da escapada de Veloso

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Álvaro Lopez confía en disputar este ano o Giro de Italia Sub-23 tras superar un grave accidente na estrada. O xa elite David Rañó segue soñando con rodar no gran pelotón. E Iván Bralo e Martín Rey crecen na canteira do CC Padronés

16 feb 2017 . Actualizado ás 20:48 h.

Se o ciclismo arousán necesita cada vez menos esforzos para otear no horizonte a un digno sucesor para Gustavo César Veloso no cambadés Anxo Sánchez Rebollido, o seu compañeiro de filas e gregario no W52-F.C. Porto, Vilagarcía manexa hoxe un póker de candidatos a pasear no futuro o nome da localidade polo gran pelotón. Cun veterano David Rañó (9 de abril de 1992) que a piques de cumprir os 25, xa en categoría elite, segue soñando cun golpe de xeito que o aúpe do amateur ao profesionalismo, vendo como tres dos seus veciños chegan pisando forte desde as categorías de formación. Os corredores do Aluminios Cortizo-CC Padronés Iván Bralo (xuvenil) e Martín Rey (infantil). E o Sub-23 Álvaro López Chedas, que confía ver este ano o seu nome na lista de participantes no Giro de Italia da súa categoría, e a Volta a Portugal do Futuro. 

E é que Álvaro López é un dos nove corredores do selecto Speedroad-Guerciotti, un mozo equipo Elite e Sub-23 de Redondela dirixido polo excompañero de Veloso no Xacobeo Galicia Enrique Salgueiro. Un proxecto que conxunta a un pequeno grupo de novas promesas do ciclismo galego cun corredor estadounidense, un brasileiro e un chileno, e que manexa un calendario de auténtico luxo. Ata o punto de ser, explicaba onte Álvaro López (13 de xuño de 1997) a escuadra Elite e Sub-23 de España que disputa máis carreiras UCI, isto é, destinadas en primeira instancia ao pelotón profesional.

Exfutbolista e exatleta

No 2016 o equipo correu en Portugal, Italia, Inglaterra, Alxeria e mesmo China . Este ano «xa temos confirmadas unha carreira nos Cárpatos e unha volta en Polonia con equipos UCI Pro Team, e estase xestionando participar no Giro de Italia Sub-23 e a Volta a Portugal do Futuro», relata un entusiasmado López.

Xogador do Arousa desde os 5 anos ata que na súa primeira pretemporada cadete «empeceime a aburrir polas lesións», o vilagarcián do Speedroad-Guerciotti probou unha tempada no atletismo. E aínda que a cousa prometía, cun bronce no Campionato Galego de Cros e un quinto posto autonómico na proba de 3.000 en pista, o que lle tiraba «desde pequeniño», cando rodaba co seu pai ata Cambados, era a bicicleta. Con el e cos seus compañeiros do C.C. Xiabre «empecei a saír con 13 anos nas súas marchas cicloturistas». Pero con 16 anos, e descartados xa o fútbol e o atletismo, Álvaro necesitaba máis. E por mediación dun tío falou con Blanco Villar, o director técnico do C.C. Padronés, para probar na estrada.

«O primeiro ano non me foi moi ben, porque viña do cicloturismo e pensaba que ía ser un camiño de rosas. No segundo -o último de xuvenil- xa me foi bastante mellor, terceiro en Cambre e escapado con outros seis no Campionato Galego, en Marín, pero na baixada a 5 quilómetros da meta caínme», explica López.

Destacando entre profesionais

No 2016, o seu primeiro ano Sub-23, «na miña primeira carreira con profesionais estiven 100 quilómetros escapado nunha etapa da Volta á Bairrada con outro amateur do Maia e con Felipe Cardoso, do Efapel, gañador de varias etapas da Volta a Portugal; colléronnos a 20 quilómetros de meta, e ese día fun segundo de métalas volantes». Un accidente en Cuntis no mes de xuño durante un adestramento con Anxo Sánchez acabou con Álvaro López no hospital cun traumatismo cranioencefálico, unha escordadura cervical, e medio meñique esquerdo roto. Catro meses de parón.

Atraído polo calendario e o proxecto do Speedroad-Guerciotti, o vilagarcián tirou da súa relación con tres dos seus corredores para contactar con Salgueiro. «É un equipo ideal para deixarche ver a nivel internacional», e perfecto para un ano no que «non estou a estudar, no que quero ver o que dou, ver se podo chegar a ser profesional». Porque, folga dicir, o soño de Álvaro é «poder gañarme a vida correndo».

Preparado por Gustavo César e adestrando con Anxo Sánchez

De perfil escalador (183 centímetros, 64 quilos), fan de Nairo Quintana, Álvaro López ten ganas de comerse o mundo do ciclismo, e cualidades para poder proporllo. Pola contra, dificilmente contaría co dobre luxo de ser preparado por César Veloso e adestrarse con Anxo Sánchez.

«Con Gustavo teño relación de toda a vida. El empezou no ciclismo co meu pai no CC Xiabre. A miña bicicleta compreilla a Gustavo cando empecei fai cinco anos. E desde principios do ano pasado planifícame todas as semanas os meus adestramentos», apunta Álvaro. Baixo as pautas do bicampión da Volta a Portugal «notei moita melloría. «Agora véxome moito máis forte». A base dun réxime de sete días de traballo semanais, a razón dunhas 3,5 horas diarias de media.

Unha preparación reforzada con Anxo Sánchez como parella de adestramentos na estrada, nunha relación nada fai tres anos dunha grupeta que perdeu a David Rañó e ao retirado caldense David Blanco . A Sánchez, di López, «véxoo perfectamente acompañando a Veloso este ano na Volta a Portugal».

 

David Rañó, o campión galego que segue soñando con rodar no gran pelotón

Formado no CC Estradense, e tras sete tempadas no CC Padronés, David Rañó Rebolo cambiou o ano pasado de aires para rodar no Speedroad-Guerciotti, co que chegou a correr en Alxeria. No 2017 o vilagarcián estreará condición de corredor elite, a categoría ameteur unha vez pechada a etapa Sub-23, nas filas do Autronic-CC Vigués, con Tomás Martínez como director.

Campión Galego Sub-23 de fondo na estrada no 2011, Rañó priorizou no 2015 a finalización dos seus estudos de Ciclo Superior en Automatización e Robótica Industrial. Hoxe cun traballo na súa rama profesional en Pontevedra, "procuro dedicarlle 3-4 horas todos os días ao ciclismo». Lonxe das exhaustivas pautas de traballo que no arranque da década habíalle dado o seu ídolo Gustavo César Veloso por falta de tempo. No entanto, adestrándose pola súa conta, segue soñando cunha oportunidade no gran pelotón, pero sen pór todos os ovos nese cesto: «Agora non loito tanto por iso, dedícome a gozar do ciclismo. E se aparece a oportunidade, benvida sexa».

O júnior Iván Bralo e o infantil Martín Rey crecen na canteira do CC Padronés

A máis longo prazo, o ciclismo vilagarcián ten no CC Padronés dúas opcións de futuro na modalidade de estrada. Iván Bralo Ferreira (19 de agosto do 2000) e Martín Rey Vázquez (11 de marzo do 2003), que o ano pasado cambiaban o CC Teo pola escuadra que dirixe Blanco Villar.

«Na miña casa sempre houbo ciclismo», conta Iván Bralo, co seu pai correndo no seu día cos equipos Elite e Master 30 do Padronés. Sendo a súa nai de Teo, iniciouse no seu deporte no club local. Pero un grave accidente cando saía a adestrar da súa casa en Rubiáns sendo infantil de primeiro ano levouno a dúas tempadas practicamente en branco.

Na súa estrea como xuvenil, este escalador fan de Indurain, Mosquera e Veloso soña con «poder vivir do ciclismo». Como o seu novo compañeiro infantil Martín Rey , prendado de Alberto Contador, que atopou hai 4 anos en Bralo a oportunidade de empezar nun club de ciclismo de estrada. No seu segundo ano infantil agarda poder emular os seus catro podios no seu segundo curso alevín.