«Tiven que dar de baixa uns 50 pisos»

La Voz

O Grove

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ana Porto ten unha inmobiliaria no Grove. «Sempre traballei moito con alugueiro vacacional», conta. Con todo, este ano o verán vai ser atípico. «Moitos dos meus clientes son persoas maiores que non se van dar de alta no rexistro da Xunta, así que non queda máis remedio que dar de baixa os seus pisos», sinala. Asegura que os seus clientes non teñen ningún problema con declarar os ingresos que reciben por estes arrendamentos estivais. «O problema son outras cousas, como ter que ter un teléfono dispoñible as vinte e catro horas, por exemplo», explica. Sabe que moitos dos propietarios que ata agora traballaban con ela buscarán veraneantes pola súa conta e risco. «Sei que vai ser así, pero eu non me podo arriscar a iso», sentenza. Así que non lle vai quedar máis remedio que dar de baixa ao redor de medio centenar de pisos e quedar tan só «cos que aceptan alugar por un mes completo, que non terían problemas, ou os que se reciclan e aceptan alugueiros por curso escolar ou por tempadas máis longas». Ao seu xuízo, «o decreto vai ser un pau tremendo para o turismo».