A muller que pon cara ao balonmán arousán

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

O Grove

mónica irago

Con 17 anos Patricia, que tocou todos os paus do seu deporte, foi unha das pioneiras na arbitraxe en Galicia

26 feb 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cuesta salvar as reticencias da nosa cociñeira a elevar o seu nome a relato de interese común, polo temor a que alguén poida pensar que se cre por amais do que ela considera «un membro máis da miña familia»; o Rasoeiro, ao que lle une toda unha vida, e do que é secretaria administrativa desde hai 12 anos. Pero, aínda respectando a súa modestia, parece de xustiza contar o que converte a Patricia Sánchez Solla (Backnang, Alemaña, 5 de abril de 1967) nunha persoa singular. Das que contribúen a facer panca para endereitar as liñas tortas sobre os que aínda se escribe o presente das mulleres sen o seu minuto de gloria. Como unha daquelas pioneiras que nos 80 abrían camiño en Galicia no mundo da arbitraxe de balonmán.

Alemaña foi o berce de Patricia. E a súa aia ata que con 6 anos o seu pai almeriense e a súa nai do Grove decidiron volver, ao noroeste do sur, con ela e o primoxénito Javi; o hoxe coñecido animador musical, pai da gardameta do Porriño de División de Honra Irene Sánchez e Saulo, xogador do Xuven. Aos 12, cando Patricia empezaba a facer os seus primeiros pasos como costureira de bonecas -hoxe faise parte do seu vestiario-, nacía Diego, o seu outro irmán, convertido despois no porteiro entre porteiros do Rasu con 22 tempadas no club.

Con 14 anos Patricia empezou a frecuentar o pavillón polo seu irmán maior, gardameta do Rasoeiro. «Empecei a xogar. Era lateral, fíxenme colaboradora do club, e en 1984 -con 17 anos- directiva con Queco Fresco facendo labores de secretariado». Igual cadraba os horarios dos adestramentos dos equipos ou tramitaba fichas e subvencións, como axudaba a preparar os desfiles de moda e os festivais musicais no Cine Marino ou a discoteca Number One cos que o club completaba o seu financiamento. «Tamén botaba unha man como axudante técnica no club e as escolas municipais», con alumnos como o hoxe actor Javier Veiga, «un traste de neno», lembra.

«Involucreime tanto no balonmán porque me gustaba moito, tanto na pista como na oficina». E non achando oportunidade de sacarse o título de adestrador, non llo pensou cando a Federación Galega organizou en 1984 un curso de árbitro no Grove. A meca só coincidiu con outras tres mulleres durante os seus catro anos impartindo xustiza en partidos de categorías basee, provincial e rexional, e levando a mesa, mesmo nalgún encontro de Asobal. Gozando do que máis lle gustaba. Pero tamén soportando experiencias que, comenta, «fanme sentir moi identificada con esa muller árbitro de fútbol que acaba de denunciar actitudes machistas». Nos 80 «levabamos o pantaloncito curto e medias, e recordo en ocasións escoitar a algún machito ‘Ven a pasear o teu culito por aquí', ou ao final dos partidos ‘O voso é a cociña' e cousas así».

O máis obsceno daquilo, advirte Patricia, é que «os peores comentarios viñan de mulleres». Claro que «a min non me minaban. Se hei de definirme, era das chulitas. Se tiña que botar a alguén, non tiña problema. Se me dicían se quería cambiar de lado da pista, respondía que para nada, que prefería oír o que me soltaban a 2 metros». Así empezou a arbirtrar con 17 anos, e nunca o fixo doutro xeito.

Tras facer parella co ata hai pouco presidente do Comité de Árbitros de España, Rodrigo Costa, ou coa no seu día colexiada internacional María Fernández, Patricia deixouno aos 20 por incompatibilidade cun traballo nunha construtora. Hoxe pode dicir que «dá gusto ver que a arbitraxe entre mulleres creceu moito».

Unha mudanza a Vigo, primeiro, e os primeiros anos de crianza da súa filla afastárona do balonmán, e do Rasu. Ata que Queco Fresco a convenceu para volver ao club. Foi no ano 2005. «Querían a unha persoa con dedicación exclusiva, porque os pais dos xogadores non estaban ben atendidos, e eu xa fixera no club o traballo que necesitaban cubrir». E se ben Patricia defende a dignidade do seu labor remunerado «do mesmo xeito que un adestrador cobra polo seu traballo», deixa ben claro, e os que a coñecen ben o saben, que o seu co Rasu vai moito máis alá dunha relación contractual. «Se son delegada de campo -do sénior masculino-, se estou na cantina, se paso a mopa, é pola miña implicación co club», resalta.

Proba diso foi o seu papel de copromotora no 2006 do Campus de Tecnificación Juan de Dios Román xunto a Queco Fresco, Katelo e Miguel Otero, desde hai anos baixo o paraugas da Federación Galega de Balonmán, e que permitiu ver e aprender no Salnés de xente da talla dos exseleccionadores Valero Rivera e Manolo Cadeas. Tamén foi Patricia, aínda coñecendo o balonmán á perfección, unha das primeiras en sumarse ao proxecto das Rasunais, nacido de varias nais de rapaces da canteira que quixeron aprender a xogar ao balonmán da man de Queco para entender mellor aos seus fillos.

Patricia gozou do bronce nacional das cadetes no 2009, da fase de ascenso a DHB daquelas raparigas xa séniores; e o pasado verán, do histórico salto do sénior masculino a Primeira Nacional. Pero «a miña maior satisfacción é atoparme no pavillón cos máis pequeniños do club», e que cos anos todos a lembren como «Patri, a dos chicles de fresa sen azucre» que aínda hoxe reparte entre os seus nenos.