Os representantes maioritarios dos viticultores en Rías Baixas traballarán conxuntamente

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

MEAÑO

Bea Costa

Negan que avoguen por baixar os rendementos por hectárea

19 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os representantes maioritarios dos viticultores no novo consello regulador da Denominación de orixe Rías Baixas compareceron onte ante os medios de comunicación para valorar os resultados dunhas eleccións que lles foron moi favorables. Das nove vocalías que estaban en xogo na parte produtora, a Asociación Agraria de Galicia e a Asociación Profesional de Viticultores Rías Baixas conseguiron catro e dous representantes, respectivamente, a pesar de ser organizacións de recente creación, fronte aos tres que se reparten Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e A.G.V. «Tivemos que traballar moi duramente, fomos porta por porta explicando o noso programa e evitando responder aos moitos ataques que sufrimos por membros doutras listas», segundo indicou o presidente a asociación profesional, Fernando Cruxat.

Medio Rural ratificou onte estes resultados tras a repetición das votacións que se produciu o pasado domingo nunha mesa electoral de Meaño por mor das irregularidades detectadas o día 9 e a consecuente impugnación por parte de Unións Agrarias.

As dúas organizacións maioritarias anunciaron o seu compromiso de traballar conxuntamente polos pequenos viticultores, «a alma de Rías Baixas», con propostas realistas fronte á demagoxia, orientadas á profesionalización do sector e a acadar a maior rendibilidade posible dos viñedos. Neste sentido, negaron que teñan proposto unha rebaixa das cotas de rendemento de cultivo por hectárea. «Ningún de nós pretendía iso. Dixérono para meterlle medo a xente», segundo indicou Julio César Reboredo.

O número uno da candidatura de Asociación Agraria de Galicia foi o máis contundente á hora de criticar a Unións Agrarias, particularmente ao seu responsable Miguel Dopazo. «El foi o instigador no 2011 de que se rebentara a DO indo aos quince mil quilos por hectárea», sinalou, e acusouno de actuar por intereses persoais «para encher o peto». A proposta dos quince mil quilos volveu saír a relucir esta campaña «pero en cinco anos que foi vogal, nunca propuxo subir os rendementos».