Rock, country e reggae para revivir a noite cambadesa

ángela Precedo / S. G.

CAMBADOS

martina miser

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Todos os venres, do 11 ao 25 de agosto • 21.30 horas • Praza de Alfredo Brañas e Rúa Real • Gratis • Cambados pretende manter a actividade cultural e social durante a época estival, máis aló da semana do Albariño. A vila contou cunha dinámica vida nocturna ata o peche dos locais máis frecuentados polos mozos. Para reactivar o ambiente, o Concello presenta Serán de Troula, un ciclo de concertos musicais alternativos que terá lugar todos os venres de agosto.

Os espectáculos comezarán ás 21.30 horas e prolongaranse ata a unha da madrugada. A primeira noite, o venres 11, dedícase ao rock, a cargo do grupo MJ Band, nacido da man de MJ Pérez, con ampla traxectoria musical; e Ivy Moon, grupo de Santiago que representou a España no festival de Zagreb. O venres 18 será a noite do country, con figuras como Iván Caride, ourensán que con 17 anos compuxo a súa propia ópera rock; e Os Tonycash, que versionan os éxitos de Johnny Cash. Finalmente, o día 25, unha sesión de reggae pechará a actividade, con High Paw, artista viguesa; Crespo, moi coñecido en Cambados; e Os Curmáns Montiel, a ritmo de rumba.