«A arte uniu á xente; os políticos quedaron de adorno»

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Lita Cabellut quedou gratamente sorprendida coa experiencia vivida na comarca nos dous últimos días

27 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Lita Cabellut pechou onte pola tarde na Illa un periplo de dous días pola comarca no que resultou unha experiencia que nunca se imaxinou. «Foi moito máis do que agardaba. Vin o entusiasmo da xente, o pobo tomou a cidade e a arte saíu á rúa. Isto excedeu aos políticos, os políticos quedaron de adorno». A artista aludía con estas palabras á cuarta edición de Arts Street Colectivo, que onte e antonte celebrouse en Vilagarcía, Cambados, Vilanova e A Illa co gallo da conmemoración da Semana da educación artística que convoca a Unesco.

Centos de nenos e adultos colaboraron no proxecto deseñado por Cristina Sierra -Villegas e elaboraron unha chea de flores feitas con material reciclado e en gran formato, que serviron de punto de partida para realizar, despois, unha performance na rúa (onte en Cambados houbo que facela no salón Pena por culpa da choiva).

Moita complicidade

Lita Cabellut está encantada de ter podido compartir esta experiencia con eles. «A arte uniu á xente; os xitanos, as nais, os seus fillos... a arte infecta, pégase na pel, a arte non son as galerías, é sentimento». E sentimento é o que percibiu nos arousáns que a arrouparon na súa visita á comarca. O efusivo abrazo no que se fundiu coa pequena Laura onte en Cambados é un fiel reflexo do vivido estes dous días. Esta artista, acostumada expor nas principais salas do mundo, non tivo reparo en coller unha pistola de plástico e pórse a par dos nenos para lanzar disparos de cor nesta particular batalla de flores que se montou na vía pública. «¡Pero has visto que ben feitas están as flores!», comentaba onte. Algunhas levarallas para compor unha das obras que incluirá na exposición que vai inaugurar en outubro no Museo de Arte Contemporánea da Coruña, «porque quero que eles se sintan tamén partícipes da arte».

É a primeira vez que Lita Cabellut participa nun proxecto artístico desta natureza, e confía en que non sexa a última, aínda que o seu traballo non lle permita facelo coa frecuencia que desexaría, segundo explica.

De Galicia vaise con moitas imaxes na retina; de arte, de luz e deses montes preñados de eucaliptos que tanto lle gustan. Talvez esta esquina do mapa sexa, ademais dun bo recordo, unha fonte de inspiración para a pintora española máis cotizada do momento.