A cooperativa de sexto vendeu brujitas, bolsos e bólas antiestrés

Bea Costa
bea costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Os alumnos crearon durante o curso o seu propio negocio e onte fóronse ao mercado a vender a produción

25 may 2017 . Actualizado ás 18:48 h.

«Bonito e barato, bonito e barato», berraba Diego onte no mercado de Cambados. Portaba un cartel que actuaba de reclamo para que os potenciais clientes se achegasen ao posto que os alumnos de sexto do colexio Antonio Magariños montaron ao lado da praza de abastos. Baixo un sol de xustiza, corenta e oito nenos fóronse turnando ao longo da mañá para vender os produtos realizaron na clase de Plástica ao longo do curso: brujitas, colgantes, bolsos, lapiceros, pulseiras...

Os artigos puxéronse á venda a prezos de entre 0,50 e 5 euros, e pronto empezaron a desaparecer en mans de mamás, avoas e demais familiares, que non deixaron de achegarse a ver aos seus mozos exercendo de vendedores. Foi o colofón ao proxecto que realizaron ao amparo do programa Depoemprende na escola, da Deputación de Pontevedra, polo cal os alumnos aprenderon a crear o seu propio negocio, neste caso, unha cooperativa. Os mozos non só traballaron coa tesoira e o pegamento. Tamén tiveron que preparar uns estatutos, elixir a unha directiva, visitaron a cooperativa Martín Códax e ata ingresaron cinco euros cada un para reunir o capital social necesario.

Plástica e Matemáticas

Segundo explica Rosa, unha das profesoras, esta actividade ten unha aplicación transversal en varias materias «pois traballaron desde as Matemáticas, pasando por Lingua, Sociais e, por suposto, Plástica». Depoemprende axustábase aos obxectivos académicos do curso e os nenos, pola súa banda, quedaron encantados, segundo afirmaban onte Eloy, Katia, Mari Ceo e Jose, os alumnos de sexto B aos que lle tocou atender o posto na quenda das 11.30 horas. Foi o momento da mañá máis axitado porque a esa hora recibiron a visita da alcaldesa, Fátima Abal, e do concelleiro de Economía, Xurxo Charlín, e, con eles, acudiron cámaras e xornalistas. Os políticos non se foron sen carga; a rexedora comprou unhas bolitas antiestrés e uns adornos, e o edil levou unha brujita e un colgante para a súa nena. «É unha iniciativa moi construtiva, teñen moito mérito», sinalaba Abal. O posto, por ter, ata tiña licenza municipal e pagou a correspondente taxa, apuntou Charlín.

Parte da recadación obtida destinarase a financiar o negocio e, unha porcentaxe, doarase a Cáritas e ao refuxio de animais de Cambados. Onte aínda era pronto para facer números de modo que ata dentro duns días non coñecer o balance contable, pero o principal obxectivo xa está cumprido: os grupos de sexto lograron pór en marcha a súa propia cooperativa e, quen sabe se de aí sairá algún empresario para o futuro. Katia é das que o ten claro. De maior quere montar unha tenda de agasallos e artesanía porque lle encanta vender, explicaba onte sen indicio de dúbida.