O Supremo rebaixa a condena a «o Parido» por dilacións no proceso xudicial

O cambadés foi condenado por branqueo de capitais procedente do tráfico de drogas


Cambados

As dilacións no proceso xudicial levaron á Sala do Penal do Tribunal Supremo a rebaixar a pena ao cambadés Juan Carlos Fernández Cores «o Parido», condenado en xullo do 2016 por un delito de branqueo de capitais procedentes do tráfico ilícito de drogas. A Audiencia Nacional impúxolle unha pena de tres anos, tres meses e un día e unha multa de 256.635 euros, que agora pasa a dous anos e seis meses de prisión e unha multa de 300.000 euros. Fernández Cores foi investigado en varias ocasións pola súa relación con delitos de tráfico de drogas e en xaneiro do 2009 foi detido como organizador da introdución dun alixo de case tres mil quilos de cocaína na praia de Arnela de Lourido (Muxía).

O fallo do alto tribunal tamén rebaixa a condena aos seus pais, José Manuel Fernández e Carmen Cores, a un ano e oito meses de prisión respecto dos tres anos, tres meses e un día que lle impuxo a Audiencia Nacional, como autores dun delito de branqueo de capitais. «A sala conclúe a existencia das devanditas dilacións indebidas como circunstancia moi cualificada porque a duración total do procedemento foi de máis de sete anos, cunha paralización duns dous anos da investigación xudicial, polo que considera que se debe rebaixar nun grao a pena imposta na sentenza recorrida», segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O fallo estima parcialmente os recursos de casación por infracción de lei interpostos polos acusados.

 

Votación
1 votos
Etiquetas
Cambados Tribunal Supremo Tráfico Audiencia Nacional Muxía Narcotráfico
Comentarios