O polígono industrial de Cambados non se ampliará

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS

CAMBADOS

O PP previra duplicar a súa superficie e unha obra valorada en seis millóns de euros, pero Xurxo Charlín opina que a demanda de chan non xustifica o proxecto

18 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Entre os proxectos que o cuadripartito se atopou cando empezou a gobernar Cambados hai dous anos estaba o da ampliación do polígono industrial de Sete Pías. En contra do que ocorre con outros parques empresariais próximos (Baión, Sanxenxo ou Catoira), que están practicamente baleiros, no de Oubiña non quedan terreos libres, aínda que iso non quere dicir que todas as parcelas están ocupadas porque algunhas están sen edificar.

O PP de Luis Aragunde consideraba necesario ampliar a superficie para favorecer a implantación de novas industrias, e no 2013 encargou un proxecto que prevía dobrar o chan industrial e unha obra valorada en seis millóns de euros. Pero este proxecto, cuxa redacción custou 8.700 euros, non se executará.

Independentemente do financiamento ?que dificilmente podería conseguir o Concello de Cambados a día de hoxe?, tampouco está na vontade do goberno local abordar esta actuación. «Non é momento de poñerse a gastar cartos cando hai polígonos baleiros preto de aquí», segundo explica o concelleiro de Economía e Facenda, Xurxo Charlín. O edil desempoou o documento do 2013 e chega á conclusión de que, nos termos nos que a administración do PP expuxo esta obra, tampouco é viable. «Nin queda resolta a cuestión urbanística, porque habería que cambiar a cualificación do chan para pasalo de rústico a industrial, nin hai memoria de sustentabilidade económica». En opinión de Charlín, a demanda actual de parcelas no polígono non xustifica unha ampliación, que se acometería á conta de terreos privados. «Desde que estamos nós non Concello só veu unha empresa a pedir máis chan, e nas reunións que mantivemos coa asociación de empresarios do polígono, en ningún momento solicitáronnos unha ampliación. As súas demandas son outras, que esas se imos facelas».

O concelleiro refírese a un plan de actuacións que está previsto para este ano, con cargo a fondos da Consellería de Industria, que permitirá pavimentar o aparcadoiro que está situado ao lado do viveiro de empresas e mellorar a sinalización interna das rúas e as empresas do polígono que comparten Cambados e Ribadumia. A maiores, vaise mellorar o acceso para peóns mediante a construción dunha senda, que vai acometer a Xunta na PO-300, e dotarase ao polígono de fibra óptica.