Facebook, Twitter e Instagram ao servizo das empresas do mar

Rosa Estévez
r. estévez CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

O Concello de Cambados organiza un curso de novas tecnoloxías aplicadas ao sector marítimo

17 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Crear perfís empresariais en Facebook, Twitter ou Instagram e aprender a manexalos. Iso é o que aprenderán os participantes no curso de novas tecnoloxías aplicadas ao sector do mar que a próxima semana se celebrará en Cambados. Organizouno o Concello no marco do proxecto Emprendemar, e onte presentouno na Mercerd o concelleiro de Economía e portavoz do goberno de Cambados, Xurxo Charlín.

O curso impartirase a próxima semana, de luns a venres, entre as sete e as nove da tarde. O horario, explican fontes municipais, foi elixido para facilitar a asistencia a quen, por motivo de traballo, non poderían acudir noutra franxa horaria. En todo caso, explicou o concelleiro Xurxo Charlín, á hora da matrícula darase preferencia ás persoas sen traballo e, sobre todo, a quen estean a pensar en pór en marcha o seu propio negocio. Iso será, claro, se se apuntan máis de 24 persoas, pois tal é o número de prazas dispoñibles para este curso. E, de momento, hai xa un total de 17 alumnos inscritos.

Segundo explicou a empresa que impartirá este curso, durante as cinco tardes nas que este se desenvolverá intentarase achegar aos participantes ao mundo das novas tecnoloxías e, máis en concreto, ao das redes sociais. O groso do tempo dedicarase a explicar como as empresas poden empregar Facebook, Twitter ou Instagram para promocionar a súa actividade ou os seus produtos.

Nese sentido, o programa céntrase no como crear perfís de empresa e aprender a xestionalos con garantía de éxito. Tamén se achegará aos alumnos ao mundo dos blogues e ensinaráselles como xestionalos e como afrontar o reto dunha publicación destas características.

Este curso está orientado a achegar as novas ferramentas tecnolóxicas a ámbitos tradicionais vinculados dunha ou outra forma co mundo do mar. E é que este, o mar, gañou protagonismo no cartel de cursos e actividades formativas que o Concello de Cambados ten previsto desenvolver ao longo das próximas semanas.

Así, moi pronto se impartirá un curso sobre emprendimiento, explicando a quen queren abrir un negocio cales son os pasos que deben dar, as precaucións que deben tomar. Tamén se organizará un curso gastronómico no que os mellores chefs de Cambados compartirán escenario con cociñeiros anónimos que explicarán receitas tradicionais. E, para rematar, un curso de saúde laboral dirixido a un colectivo como o das mariscadoras.